Xuventude faise eco das prazas para persoas con discapacidade nos campamentos de verán da Xunta
A Concellería de Xuventude e Voluntariado divulga a convocatoria de prazas para persoas con discapacidade para participar nos campamentos de verán organizados pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O organismo autonómico ofertará para as actividades a desenvolver nos meses de xullo e agosto un total de 160 prazas para persoas con discapacidade de entre 9 e 40 anos de idade.
En concreto, resérvanse 130 prazas para quendas específicas, é dicir, dirixidas a persoas con maior necesidade de apoio e outras 30 para campamentos de integración nas que poderán tomar parte persoas cunha maior autonomía. Neste caso, as persoas que formen parte desta iniciativa participarán nas quendas de campamentos que convoca a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O prazo para presentar a solicitude xa está aberto e rematará o próximo 15 de xuño.
Por unha banda, as quendas de integración terán lugar no mes de xullo e e primeira quincena de agosto para persoas con discapacidade de entre 9 e 15 anos. Os campamentos celebraranse en Bergondo, Melide, Boiro, preto de Ribadeo, Palas de Rei e Forcarei.
Os campamentos específicos desenvolveranse no mes de agosto e están dirixidos a persoas de entre 11 e 40 anos. En concreto, convócanse dous tipos de programas: un realizarase en tres quendas diferentes na instalación xuvenil de Gandarío e outro nas instalacións de Pontemaril (Forcarei) entre o 1 e 8 de agosto, e entre o 9 e o 16 do mesmo mes.
Con respecto aos prezos, é preciso lembrar que sobre o estipulado para cada tipo de campamento haberá un desconto do 50 por cento no caso de que a persoa con discapacidade teña a condición de familia numerosa e do 25 por cento se ten o carné xove.
Toda a información sobre esta actividade que organiza a Secretaría Xeral de Política Social, a través da Consellería de Traballo e Benestar, pódese consultar na páxina web http://benestar.xunta.es/web/portal/campamentos-verán. Nesta dirección está dispoñible o folleto con todos os datos do programa (as quendas ofertadas, as idades ás que se dirixe cada unha e os prezos de cada unha delas); o modelo de solicitude e de certificado médico que se deberán presentar cumprimentados; e, por último, información sobre as instalacións nas que se desenvolverá cada campamento.