Xornadas de adestramento canino dentro do programa “Yes, we can”
O concelleiro Miguel Anxo Filgueira xunto cos adestradores caninos Diego Álvarez e Leticia Lama presentaron esta mañá as Xornadas de Adestramento Canino, que se celebrarán os días 24 e 25 de maio na cidade. Estas actividades, enmarcadas no programa pola sensibilización animal “Yes, we can”, pretenden mellorar o comportamento canino concienciando tamén aos seus donos.
O venres 24, ás 20h na casa das Campás, os adestradores impartirán unha clase sobre “Nocións básicas de educación canina”, na que facilitarán consellos básicos de coidado e adestramento, así como pequenos trucos para aplicar no día a día.
O seguinte día, sábado 25, no parque pechado do ENIL Xunqueira de Alba, celebrarase unha xornada práctica na que os asistentes poderán levar os seus cans e poñer en práctica as ensinanzas dos profesionais.
A entrada a estas actividades é libre e gratuíta. Diego Álvarez, adestrador pontevedrés, recomendou á asistencia a donos con calquera tipo
de problema co seu can, pois “todo pode ser corrixido, o único que se precisa é tempo e constancia”.
As condutas que habitúan ser máis conflitivas son as agresivas, as nerviosas e as hiperactivas. Malia todo, a actitude dos donos debe tamén
cambiar, posto que “o entrenamento é tanto para os donos como para os seus cans”.
O programa “Yes, we can” persegue concienciar aos pontevedreses para reducir os abandonos e aumentar a adopción de cans sen dono. No mes de abril, iniciáronse as xornadas de chipeado de cans nas parroquias de Praceres, Salcedo e Marcón, parte de esta campaña pola sensibilización animal.