publicidade hoxe

Xornada familiar dedicada á bicicleta na terceira edición do “Decabike”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de Compostela
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e a directora do centro Decathlon en Santiago, Isabel Rodríguez, presentaron a terceira edición do Decabike. O día da bicicleta de Decathlon, que se celebrará o domingo 19 de maio. Pequenos e maiores están convidados a participar nunha marcha en bicicleta pola cidade, acompañada doutras moitas actividades paralelas. Adrián Varela enmarcou esta actividade nun intenso mes dedicado ao ciclismo en Santiago, que arrincou co Campionato Galego de Duatlón e seguiu coa Volta Ciclista da Ascensión e coa I BBT Compostela. Este será o cuarto evento vinculado ao ciclismo en maio, desta vez xa cun carácter máis familiar e non competitivo.

Obrigatoriamente provistos de casco, os que o desexen poderán facer en bicicleta un percorrido que arrincará ás 11:30 horas do Decathlon da Costa Vella para continuar pola avenida de Asturias, Cruceiro da Coruña, San Caetano, Xoán XXIII e praza do Obradoiro, realizando logo o percorrido á inversa. Está previsto que a marcha dure en torno á hora e media. As inscricións pódense facer na mesma tenda.

Pero a xornada contará con outras moitas actividades, tal como explicou Isabel Rodríguez. Así, dende unha hora antes da saída, os máis pequenos poderán gozar dun circuíto de educación viaria, de patinaxe e mesmo dun taller de axuste e mantemento de bicicletas. Logo da carreira haberá sesións fotográficas, entrega de camisetas e agasallos e diversos xogos e actividades.

15 de maio de 2013 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.