Xoel lópez presentará o sábado no Jofre de Ferrol o seu último disco “Atlántico”
O artista Xoel López presenta o vindeiro sábado 18 de maio o seu último disco “Atlántico” no Teatro Jofre. A actuación dará comezo ás 20:30 horas e está enmarcada dentro da nova tempada do ciclo de Grandes Concertos “Son(S) do Jofre” programado pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado.
“Atlántico” é o duodécimo traballo da carreira do músico galego, ademais de ser o primeiro editado baixo o seu propio nome, deixando atrás a etapa como Deluxe. Producido xunto a Juan de Deus Martín supón unha nova etapa musical e persoal para o artista, quen afirmou: “En todos os meus discos houbo unha evolución respecto ao anterior. Neste caso, case se podería dicir que hai unha involución porque, si ten algunha influencia, é de músicas máis antigas. Non é excesivamente moderno, pero posiblemente si sexa o meu disco máis persoal”. O paso por diferentes países e o proxecto Xoel López y la Caravana Americana enriqueceron os seus ritmos e deron forza ás melodías dos seus novos temas.
A día de hoxe, xa están vendidas case 150 entradas. Os tickets poden adquirirse de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web oficial do Concello: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).











