O alcalde visita hoxe a horta urbana de Monte Porreiro
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira Anxos Riveiro, visitan esta mañá as actividades de plantación na horta urbana de Monte Porreiro: unha iniciativa promovida dende o ano 2010 pola Concellaría de Medio Ambiente.
A horta, situada no Parque do Miradoiro de Monte Porreiro, conta con 21 parcelas que serán plantadas con legumes, verduras e plantas aromáticas por centos de escolares dos centros de ensino do concello, especialmente do barrio: Fina Casalderrei, Marcos da Portela e Monte Porreiro.
Este proxecto con finalidade pedagóxica, está destinado a dar a coñecer as técnicas de agricultura ecolóxica e cultivo de produtos hortícolas aos máis cativos.
Dende a pasada edición, o proxecto foi ampliado coa implicación dos pais e nais no mantemento e atención das parcelas da horta. Mediante unha convocatoria aberta a familiares, o Concello propuxo a concesión de parcelas por un periodo de un ano para o seu mantemento, até que se realice unha nova plantación e outros nenos e familiares volvan gozar da horta.
Tódolos produtos obtidos do traballo ata entón, poden ser consumidos polas familias que os tutelan.
Para facililtar o traballo dos usuarios habilitouse un arcón metálico con utensilios de horta que poden compartir. Dispoñen de conexión de auga e recipientes con abono. A xestión e coordinación do proxecto corre por conta de Ventos Estudos Ambientais, que se encarga de asesorar aos beneficiarios.











