publicidade hoxe

Viki Rivadulla anuncia tres mostras simultáneas para un intenso mes de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMalpica de BergantiñosMuxíaPonteceso
A-
A+

Maio é un mes intenso, o mundo da cultura e os esforzos por honrar a lingua e a literatura galegas fanse máis visibles, ainda que o traballo é continuado ao londo do ano. A artista Viki Rivadulla vai manter tres mostras simultáneas este mes, en tres lugares distintos, e dun xeito ou outro todas teñen algún punto de encontro coa poesía.

“O MEU MAR” mostra de pintura e escultura de VIKI RIVADULLA

Lugar: Centro cívico de Malpica

Inauguración: 4 de maio ás 20:00 h.

Esta mostra que xa estivo en Carballo, viaxa agora ata Malpica, onde permanecerá ata o 30 de maio. É unha mostra que leva por título o mesmo que un poema de Gonzalo López Abente, con quen comparte a paixón polo mar. A mostra afonda no ser da “tribo mariñeira”, así obras que a compoñen póboanse de mulleres e homes da Costa da Morte, que viven xunto ao mar e do mar, e que queren seguir sendo un pobo mariñeiro, porque non pode haber futuro na Costa da Morte que non teña en conta o mar e ás xentes do mar.

Malpica é un lugar idóneo para esta mostra, pois é unha vila que conserva a súa esencia mariñeira, esa mesma que reivindica a autora. A mostra está organizada por Caldeirón e o Concello de Malpica.

“DO VIÑO E A POESÍA…” mostra de debuxos de VIKI RIVADULLA

LUGAR: Hotel- restaurante A DE LOLÓ, en Muxía

Inauguración: 17 de maio ás 19:00 h

Esta é unha mostra de debuxos feitos a tinta e viño. Cada debuxo leva, a modo de cita, un fragmento dun /unha poeta galego/a no que se nomea o viño, ou algo que evoque o mundo do viño. Os debuxos van en tinta negra sobre branco, tal como se escribe a poesía e a nota de cor póñena as manchas de viño tinto que forman parte dos debuxos. É unha forma de unir a poesía e o viño, xunto cos debuxos ,xa que eses días van estar unidas de feito, pois  a mostra vaise inaugurar o 17 de maio e no mesmo acto haberá unha degustación de viños D.O. Valdeorras, das Bodegas Virxe de Galir. Ao día seguinte repetirase a degustación de viños.

Ademais o restaurante A de Loló, ofrecerá un menú especial denominado “Da poesía e o viño…” para os días nos que estea a mostra de debuxos nas súas instalacións (concretamente do 17 de maio ao 17 de xuño).

Os autores, cuias citas acompañan os debuxos son: Uxío Novoneyra, Manuel María, Bernardino Graña, Victorino Abente Lago, Rosalía De castro, Miro Villar, Chelo Suárez, Helena Villar, X. H. Rivadulla Corcón, Alexandre Nerium, Mª Xosé Queizán, Gonzalo López Abente, Rosalía Fernández Rial, Suso Bahamonde, María Lado, Paco Souto, Paco de Tano, Mª do Carme Krukenberg, Isidro Novo e Avilés de Taramancos.

“NON CANTES, NON CHORES…” mostra de pintura de VIKI RIVADULLA

Lugar: sede da Fundación Eduardo Pondal

Datas: do 12 ao 19 de maio, dentro do programa do FESTILETRAS. (Organiza Fundación Eduardo Pondal)

Esta mostra toma o seu nome dun verso dun poema de Rosalía de Castro, poema no que está a advertencia da orixe, onde empeza todo mal para a muller: a falta de autonomía, a falta de consideración cara nós como suxeitos autónomos e libres, aí comeza o que logo rematará de forma amarga, e moitas veces dramática.

As mulleres que pinto son mulleres que escoitan a voz de Rosalía, e que cantan, choran, entran e saen….traballan, loitan, son solidarias, colaboran en pé de igualdade co compañeiro….E son mulleres cheas de cor, vivas, cheas de luz.

A mostra é unha homenaxe a Rosalía, pero sobre todos ás mulleres, ás que cantan en liberdade e ás mulleres rotas, ou ás silenciadas.

Estará exposta dende o día 12 de maio, pero será presentada o día 18 de maio, ás 18:00 h. na Fundación Eduardo Pondal, dentro duns actos de homenaxe a Rosalía.

2 de maio de 2013 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.