publicidade hoxe

VIII Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva en Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalPoio
A-
A+

Esta será a oitava edición da xuntanza de gaiteiros Manuel Villanueva, que se celebrará ao longo dos días 31, 1 e 2 de xuño n’A Reiboa (San Xoán).

Trátase do evento lúdico central da actividade anual da Escola de Música Tradicional de Poio, realizado coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Poio.

Destácase especialmente a labor sociocultural que realiza a Escola desde a súa fundación, tanto na docencia de música e danza tradicional como na recuperación doutros aspectos culturais como os xogos tradicionais, os magostos e as muíñadas. A Escola, que este ano chega ao seu 10º aniversario, ademais da actividade docente continuada de instrumentos tradicionais, baile e cantareiras, leva a cabo ao longo do ano diversas actividades encamiñadas a recuperar, conservar e manter vivas a nosa música e as nosas tradicións, como magostos, xogos populares, muiñadas… que contan coa participación de persoas de todas as xeracións, desde os máis cativos ata os maiores.

Neste evento, poderase gozar da boa música tradicional durante todo o día grazas á presenza das bandas: Grupo Airiños da Fracha, Barqueiro (Mañón), Barbude (A Estrada) e como non, os grupos da Escola de Música Tradicional de Poio. Tamén terá lugar a opción de micros abertos para todo o que queira amenizar a xornada coas súas interpretacións.

Por outra parte, a Romaría contará con postos gastronómicos de churrasco, empanada, polbo, arroces, bebidas… a prezos moi populares, e tamén de artesanía e oficios tradicionais e animación infantil de maxia cos “Magos do Ribeiro” que actuarán durante os dous días do evento, ao igual que o dúo musical Guilherme e Bastardo.

Non hai que esquecer que o lugar de celebración, A Reiboa, está nun entorno natural privilexiado, ao carón da costa con moitos atractivos como o roteiro dos muíños da Freixa, o que contribúe a facer máis agradábel esta xuntanza.

Na noite do venres e o sábado, o escenario acollerá tamén propostas de música pop / rock: O venres será o concerto de “La Franja” e “Nirvana Cover” e o sábado noite será a quenda da actuación de Ban-D-versions.
En edicións anteriores, foron máis de 3000 os veciños e visitantes que se achegaron a xantar ou cear, e máis dun centenar de músicos os que actuaron na Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.

A Escola de Música Tradicional e o Concello de Poio convidan a veciños e visitantes a desfrutar destas tres xornadas de música, lecer e convivencia na Reiboa.

30 de maio de 2013 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.