publicidade hoxe

VII Xornadas de Deporte e Saúde en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalVerín
A-
A+

O Concello de Verín organiza, por sétimo ano consecutivo, as Xornadas de Deporte e Saúde no municipio destinadas a desenvolver políticas activas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, promovendo a saúde a través dunha alimentación saudable e a práctica de actividade física regular.

Devanditas xornadas foron creadas co obxecto de asentar o concepto de promoción da saúde a través dos campos de creación de ambientes favorables a saúde, fortalecemento da acción e participación comunitaria, desenvolvemento de actitudes persoais saudables e formulación dunha política pública baseada no deporte desde a infancia.

As actividades previstas para esta edición son as seguintes:

Campionato Provincial de Fútbol-Sala Benxamín, Alevín e Infantil (11 de maio, de 10.30 a 20 horas)

–  Terán lugar as semifinais e finais do campionato provincial de fútbol-sala en tres categorías, coa participación de 16 equipos do programa Xogade.

– Será no Pavillón Municipal de Deportes e no Complexo deportivo de A Granxa e está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, Xunta de Galicia e Concello de Verín

‘I Andaina Solidaria en Familia’ (11 de maio, ás 17.30 horas)

– A primeira edición da ‘Andaina Solidaria en Familia’, destinada a recadar fondos para axudar na construción de pozos de auga en diferentes localidades de Níxer.

– Esta iniciativa está pensada para toda a familia, desde os máis pequenos aos maiores -non hai límite de idade para a súa participación-, e os/as menores poden realizar esta andaina en mochila ou carrito. A saída será ás 17.30 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Verín, e cun total cinco quilómetros os/as asistentes desprazaranse ata Cabreiroá (rúa Infistela), Lonxa Agropecuaria, Sousas (rúas San Antón e Camiño Vello de  Sousas) e Fonte do Sapo (rúa San Pedro e N-525), onde se realizarán xogos cooperativos para os/as participantes e os/as nenos/as tamén contarán con inchables.

– Para participar na ‘I Andaina Solidaria en Familia’, é necesario formalizar inscrición previa no departamento de Educación Familiar en horario de mañá (Casa da Xuventude, Avenida de Portugal, 11 bis, no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou teléfono 988-414776) ou no Pavillón Municipal de Deportes de Verín durante a tarde (correo electrónico pavillon@verin.net ou teléfono 988-411140).

– Organizado polos departamentos de Educación Familiar e Deportes do Concello de Verín, xunto con UNICEF España.

VI Encontro Deporte e Saúde (25 de maio, ás 17 horas)

– Iniciativa programada, no complexo deportivo de A Granxa, para asociacións rurais e de mulleres da provincia de Ourense, que desenvolven durante o ano actividades deportivas saudables, socios e alumnos de cursos de instalacións deportivas e centros sociais, e integrantes de colectivos participantes en actividades específicas como baile,  tai chi, pilates ou ioga.

– Realización de actividades como obradoiros, exhibicións e master class de pilates, zumba, baile e aerobic.

– Master class e obradoiro de bailes urbanos dirixidos por Eva Juan, concursante finalista do programa televisivo ‘Fama: A Bailar 2’.

– Organizado por Asociación de Empresarios de Verín (Aever), Saudeter e Concello de Verín.

VI Marcha Val de Monterrei (26 de maio, a partir das 9.30 horas)

– A sexta edición da proba ciclista de BTT, con saída no complexo deportivo de A Granxa, está conformada por dúas modalidades de participación (55 e 35 quilómetros), ademais dun paseo de 25 quilómetros (ao finalizar xantar de confraternización).

– Organizado por BTT Verín e Concello de Verín.

Charla-Coloquio ‘O Wu-Shu e o deporte de elite’ (30 de maio, ás 20.30 horas)

– No salón de actos da Casa da Cultura de Verín, a cargo de José Manuel Ferreira, un mozo verinense que acercará aos/ás asistentes ás experiencias e a realidade do mundo da alta competición. José Manuel Ferreira é campión de España en Wu-Shu, membro da selección española e participou en mundiais desta disciplina deportiva.

– Organizado polo Concello de Verín.

Día Mundial da Infancia e Festa de Clausura das Escolas Deportivas Municipais (31 de maio, á 18 horas)

– No Pavillón Municipal de Deportes terá lugar a celebración do Día Mundial da Infancia na Eurocidade Chaves-Verín, cun festival de entretemento e exhibicións para os/as menores dos dous municipios. O mesmo tamén porá punto e final a tempada 2012-2013 das Escolas Deportivas Municipais.

– Organizado pola Eurocidade Chaves-Verín e Concello de Verín.

Charla-Coloquio ‘Espello Deportivo. Reflexos da túa lingua’ (06 de xuño, ás 20.30 horas)

– No salón de actos da Casa da Cultura de Verín, a cargo de Sebastián “Chano” Rodríguez, deportista paraolímpico e medallista en Londres 2012, que relatará a súas experiencias vitais e o seu camiño de superación a todos os presentes. O acto será conducido polo actor, presentador e produtor Rubén Riós.

– Organizado pola Xunta de Galicia, Deputación de Ourense, Deputación de A Coruña e Concello de Verín

Gala do Deporte (07 de xuño, ás 20.45 horas)

– No complexo deportivo de A Granxa terá lugar a primeira edición da Gala do Deporte de Verín, na que se recoñecerá a labor dos deportistas locais durante a tempada 2012-2013.

– Organizado polo Concello de Verín.

4º Torneo Internacional de Fútbol 7 e Fútbol-Sala (08 de xuño, de 10 a 20.30 horas)

– Torneo de fútbol 7 (para categorías prebenxamín, benxamín e alevín) e de fútbol-sala (para benxamíns, alevíns e infantís).

– Organizado polo Concello de Verín.

III Final de Copa Fútbol 7 Veteráns (22 de xuño, ás 20.30 horas)

– No complexo deportivo de A Granxa, cun partido que finalizará esta tempada oficial.

– Organizado polo Concello de Verín.

Ademais durante todo o mes de xuño terán lugar un Torneo de Fútbol-Sala Sub 9, Sub 12, Sub 15 e Xuvenil, así como un Torneo de Tenis desde a categoría alevín ata a de xunior. O prazo de inscrición finaliza o 20 de maio e está organizado polo Concello de Verín.

2 de maio de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.