VI Certame de fotografía “Viaxando”

A fotógrafa xunto á mostra
A VI edición do Certame de Fotografía “Viaxando” organizado pola Casa da Xuventude de Tui, e as Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) de Salceda de Caselas, A Guarda, O Rosal, Tomiño, O Porriño, Gondomar e Baiona, chega por fin a Salceda despois de percorrer os distintos concellos da Comarca.
Nesta edición correspondente ao ano 2012 foron presentados 50 traballos e o concello coordinador foi o da Guarda.
O xurado formado polos fotógrafos José Angel Gándara, Wladimir Brey e polos responsables das páxinas de información Galiciasuroeste e Infomiño respectivamente, Antón Ferreira e Jorge Alonso, proclamaron como gañadora a foto titulada Lluvia en Oxford Street, da moza de Nigrán Iolanda Gómez Fernández.
A foto foi seleccionada de entre fotografías presentadas por mozos e mozas de distintas procedencias, non só dos municipios participantes, que realizan un colorido e diverso percorrido a temática Viaxando.
Esta exposición está tamén integrada no OUTONO FOTOGRÁFICO organizado pola Casa da Xuventude de Ourense.
A inauguración en Salceda tivo lugar na Casa da Cultura o venres día 3 de maio coa presenza do alcalde Marcos David Besada Pérez e a concelleira de mocidade Loli Castiñeira; e aquí estará ata o día 31 de maio.
Coas bases da edición de 2013 (a que será a VII) a puntiño de saír do forno, chega a nosa vila unha actividade con grande tirón entre a mocidade de Salceda, pois das 6 edicións anteriores houbo tres gañadores pertencentes ao concello de Salceda.











