Unha vintena de tomiñeses/as tentan construirse un futuro laboral como monitores de tempo libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+
Participantes no curso de monitor de tempo libre

Participantes no curso de monitor de tempo libre

Levan máis dun mes recibindo clases teórico-prácticas diarias para formarse e obter o título oficial que os habilite como monitores de tempo libre e lecer.

O Concello de Tomiño organiza, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), un curso de Monitor/a de Tempo Libre, homologado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia,  co fin de que as persoas interesadas (de entre 18 e 30 anos con certificado de EXB, ESO, FP ou equivalente), podan ter a titulación oficial homologada que lles permita  traballar en campamentos, ludotecas, empresas de lecer, residencias, etc.

A acción formativa comezou a desenvolverse o pasado 8 de abril na antiga Escola Obradoiro de Goián, en horario de luns a venres de 08.00 a 14.00 horas, cun total de 200 horas teórico-prácticas, ás que hai que engadir logo outras 150 horas de prácticas nunha empresa ou institución da comarca.

As clases son impartidas por Luis Alonso, director da Escola de Tempo Libre Fervenza, dependente da Xunta de Galicia, e outros monitores que teñen ao seu cargo diferentes partes do curso.

Alonso destaca a motivación e interese das 25 persoas (19 mulleres e 6 homes) de idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos, procedentes na súa maioría, do municipio tomiñés, e tamén doutras vilas da zona, coma O Rosal ou A Guarda. Comenta que a pesar da crise, son moitas as persoas interesadas, xa que cada vez as esixencias de titulación por parte de posibles empregadores, son maiores. Ademais da formación específica, os participantes reciben orientación sobre os sitios aos que poden dirixirse en busca de traballo.

Deportes de equipo, xogos, cancións e danzas populares, saídas á natureza, acampadas, manualidades, malabares, papiroflexia, son so algúns dos temas tratados neste curso, nos que os aspirantes reciben tamén nocións sobre socorrismo e primeiros auxilios, que poñen en práctica entre eles mesmos.

Entre estes atópase Agustín González (Forcadela, 20 anos, graduado en ESO e adestrador de fútbol base); Ana Pintos (Torrón. Sobrada, 22 años, bacharel); Pedro Franco (Santa Mª de Tebra, 20 anos; estudia curso de preparador físico e nutricionista); Lorena Prado (Tomiño, 27 anos, educadora socia len el Centro de Día de Tomiño) e Sabrina Rodríguez (A Guarda, 31 anos, coidadora de nenos e nai dun bebé) e outros 20 compañeiros que comparten o gusto polos deportes e o entretemento, e que ven neste curso unha posibilidade de mellorar a súa formación ou de colocación nun mercado laboral difícil e cada vez máis especializado.

13 de maio de 2013 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.