Unha ducia de tordoieses adestráronse nas novas tecnoloxías a través dun novo curso de informática
Unha ducia de veciños e veciñas do Concello de Tordoia recibiron os seus diplomas de aproveitamento do recén rematado curso de iniciación á informática que se desenvolveu no municipio durante os últimos tres meses. Promovida polo concello, a formación prolongouse durante un total de 60 horas que fixeron posible que os alumnos participantes tomaran contacto co uso do ordenador, internet e os programas do paquete de Microsoft Office. Todos amosáronse moi satisfeitos de poder acadar algunhas habilidades básicas que lles permitan perder o medo á informática, adquirindo coñecementos precisos para poder manexarse no sistema operativo Windows e nos seus programas máis empregados.
Os cursos impartíronse na Casa da Cultura de Tordoia, en sesións de dúas horas, dúas veces por semana. Segundo explicaron os responsables da aula de informática do concello de Tordoia, a previsión é que próximamente se poidan volver celebrar este tipo de cursos dirixidos a todos os veciños que queiran participar con novos contidos.