Un total de 26 nenos e nenas de 6º de Primaria do CEIP A Cristina coñecen de primeira man as dependencias da Casa do Concello
Un grupo de 26 nenos e nenas de 6º curso de Primaria do CEIP A Cristina da capital municipal veñen de visitar as dependencias da Casa consistorial, ademais de manter un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a quen lle puideron preguntar as súas dúbidas acerca de temas tan variados como o rueiro, a historia da vila, o número de alcaldes do Concello ou o número de habitantes do municipio. Ferrero estivo cos nenos e nenas durante preto dunha hora no salón de plenos e despois o alumnado tivo a oportunidade de visitar o Rexistro Municipal, a comisaría da Policía Local e as dependencias de Servizos Sociais para achegarse un pouco ao funcionamento dos servizos do Concello. O maior número de preguntas dos rapaces e rapazas referiuse ao rueiro municipal e ao proceso polo que se lle da nome ás diferentes vías e prazas do casco urbano. Así, por exemplo interesáronse moito polos motivos para elixir os nomes de certas vías ou conxuntos de vías, como as agrupadas por barrios segundo a súa denominación como ríos (Miño, Sil, Eume, Lérez, Ulla, Anllóns ou Xallas), flores (Papoulas, Camelias, Caravel, Xasmíns, Violetas ou Mimosas), santos (Santa María, San Ramón, Santo Antonio, San Paio, San Xosé ou San Pedro) ou planetas (Xúpiter, Saturno ou Marte).
Aprenderon, así mesmo, a orixe do nome dalgunhas rúas, como a dedicada ao notario Vázquez de Parga ou ao responsable de ceder os cartos para o edificio da actual Ludoteca Municipal, Desiderio Varela. Ademais de pola denominación, amosaron interese polo urbanismo, por exemplo polos custos de abrir novas rúas, que pode chegar a preto de 600 euros o metro cadrado; ou polos labores de Milagros Lantes, quen lles explicou o proceso de toma de decisións do pleno dunha corporación municipal. Tiveron tamén preguntas relacionadas co comportamento cívico, relativas á conservación do mobiliario urbano, que lle custa ao Concello arredor de 40.000 euros ao ano; ou ás sancións por non recoller os excrementos que os cans deixan nas beirarrúas, que pode ser de 90 euros, unha cantidade que lles pareceu moi baixa. Puideron saber que o Alcalde leva dez anos no cargo ou que cando Ferrero chegou a ser rexedor en 2003 había arredor de 28.500 habitantes fronte aos 31.500 que hai agora en todo o municipio. E por último, tampouco deixaron de lado as preguntas máis persoais, como saber se ao Alcalde lle gusta o seu traballo ou se exercer ese posto “é moi importante”. Despois de preto dunha hora de conversa, na que moitos incluso tomaron apuntamentos nos seus cadernos, percorreron a maioría das dependencias municipais.