Un total de 160 descendentes de emigrantes convivirán con 80 mozos galegos nos campamentos de verán de Xuventude
O programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, permitirá que un total de 80 galegos de entre 18 e 30 anos participen nas actividades dos campamentos xuvenís xunto con outros 160 mozos e mozas descendentes de emigrantes.
Esta iniciativa permitirá que os descendentes de galegos poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles aportarán as actividades que protagonizarán nos campamentos.
Estas actividades terán lugar nas residencias xuvenís LUG II de Lugo e Florentino López Cuevillas de Ourense, así como no albergue de Gandarío da Coruña durante dúas quendas de 12 días no mes de xullo.
Nas dúas primeiras ubicacións, os participantes poderán coñecer o patrimonio histórico e cultural destas dúas zonas, así como percorrer varios tramos do Camiño Francés e da Ruta da Prata ata Compostela. No albergue de Gandarío realizarán actividades relacionadas co mar.
Actividades para maiores de 18 anos
Ademais, mozos e mozas de entre 18 e 35 anos poden participar noutras tres actividades da campaña de verán que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A primeira delas titúlase ‘Barrancos do Miño’ e conta con actividades deportivas como o barranquismo en Portomarín, kaiak polo río ou rotas BTT. O aloxamento dos participantes será no Complexo Xuvenil LUGII e as quendas no mes de xullo.
A segunda actividade, “Surfeando no Cantábrico” será no Campamento Xuvenil A Devesa de Ribadeo durante o mes de agosto e ten como obxectivo iniciar aos participantes no mundo do surf e do bodyboard. Tamén poderán realizar rotas de sendeirismo e escalada en rocódromo.
A última actividade, “Ruta en kaiak de mar – emprende no mar”, tratará de fomentar o respecto polo medio mariño a través de actividades marítimas, ao tempo que se realizarán charlas e seminarios sobre emprendedurismo e innovación. Terá lugar nas instalacións da fundación Illa de San Simón entre os días 2 e 6 de agosto. O número total de prazas para as tres actividades é de 153.
Para poder participar en calquera destas iniciativas, os interesados poderán realizar a inscrición seguindo as instrucións publicadas na web http://xuventude.xunta.es