Un total de 104 veciños de Brión participaron nunha ruta de sendeirismo pola costa Ártabra

Sendeiristas na andaina pola costa Ártabra
Un total de 104 veciños e veciñas de Brión participaron esta fin de semana nunha ruta de sendeirismo pola Costa Ártabra organizada polo Concello de Brión, na que foi a terceira viaxe programada dentro do programa Sendeirismo 2013. Por segunda vez consecutiva, o número de solicitudes (104) duplicou o número de prazas ofertadas (52), polo que o Concello tivo que poñer un segundo autobús a disposición dos sendeiristas.
O bo tempo acompañou aos sendeiristas brioneses ao longo dos 16 quilómetros polas inmediacións do Monte Campelo, onde se situaban as baterías que defendían o Golfo Ártabro e cunha paisaxe espectacular con fermosas paraxes como a praia da Frouxeira. Un percorrido de dificultade media, polas continuas pendentes que tiveron que superar.
Illa de Arousa
A cuarta viaxe deste ano terá como destino o parque natural da Illa de Arousa o sábado 22 de xuño. Trátase dun percorrido de 17 quilómetros, cun grado de dificultade baixo, polo parque natural do Carreirón, un lugar privilexiado para a vida das aves e que está declarado como Zona Internacional de Especial Protección para as Aves.
A inscrición xa pode tramitarse na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08). As 50 prazas dispoñibles outorgaranse por rigorosa orde de inscrición, que se pechará o 20 de xuño. A cota de anotación é de 8 euros. Como é habitual, é preciso levar o xantar tipo pícnic, pois a ruta prolongarase dende a mañá ata ben entrada a tarde. Tamén se recomenda asistir con calzado cómodo e roupa axeitada á climatoloxía da xornada.











