publicidade hoxe

Un libro de fotos de Mos promocionará as bondades do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

As alumnas da especialidade de promoción turística local e deseño gráfico do Obradoiro de Emprego Alfacuca III do Concello de Mos están a traballar nun producto turístico sobre o municipio que se atopa xa moi avanzado e consiste nun libro de fotografías no que aparecerán plasmados en imaxes os lugares, monumentos e edificios máis fermosos e emblemáticos da localidade. A publicación estará dividida en dez capítulos, un por cada unha das dez parroquias mosenses: Mos, Torroso, Petelos, Tameiga, Guizán, Dornelas, Cela, Louredo, Sanguiñeda e Pereiras. Cada un destes capítulos conterá imaxes dos enclaves e paisaxes de maior beleza da parroquia en cuestión da que trate o capítulo.

Como se dixo, da elaboración, isto é do traballo de deseño e maquetación do libro, estanse a encargar as alumnas traballadoras da especialidade de turismo e deseño da terceira edición do obradoiro Alfacuca, tarefa que xa se atopa prácticamente rematada, mentres que dende o equipo de goberno local estase avanzando na busca de financiación por parte doutras administracións da impresión e producción de exemplares. Neste sentido a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, destacou a importancia deste material gráfico “xa que é a primeira vez na historia do Concello que se traballa na edición dunha publicación fotográfica desta calidade que ademais de promocionar turísticamente as bondades do noso municipio, poderá facer tamén as funcións de agasallo corporativo, de material de consulta na Biblioteca Municipal, etc.”, declarou ó respecto a rexedora local.

Este libro formará parte do desenvolvemento dunha estratexia de promoción dos recursos locais do municipio e a súa plasmación gráfica a modo de desenvolvemento de productos turísticos, culturais, educativos, medioambientais, co obxectivo final da promoción dos mesmos e da consolidación da identidade propia do municipio de Mos.

Precisamente esta mañá as alumnas traballadoras de promoción turística local e deseño gráfico adicáronse a facer traballo de campo para este proxecto, visitando e fotografando, entre outros puntos do Concello, a Capela das Angustias, na parroquia de Sanguiñeda. Alí recibiron a visita dos concelleiros de Formación e Emprego, Óscar Soto, e de Cultura, Sara Cebreiro; quenes as felicitaron polo traballo que levan feito ata o de agora e as animaron a continuar na mesma liña coa súa labor.

 O Obradoiro de Emprego Alfacuca III deu comezo a finais de decembro de 2012 e terá seis meses de duración. Conta cun número total de 32 alumnos traballadores e esta terceira edición do obradoiro foi posible gracias á financiación da Xunta, que o subvenciona con preto de 300.000 euros.

As especialidades das que consta esta terceira edición do Obradoiro de Emprego Alfacuca son agricultura ecolóxica, instalación e mantemento de xardíns, instalación e montaxe de elementos de madeira, e as xa mencionadas promoción turística local e deseño gráfico. Cada especialidade conta con 8 alumnos traballadores. Destas catro especialidades das que consta o obradoiro destacar que son catro áreas que teñen na actualidade unha importante saída laboral.

Outros dos traballos que se están a levar a cabo durante este novo obradoiro de emprego son a recuperación ambiental e restauración paisaxística de Alfacuca, plantación de especies arbóreas e plantas autóctonas, creación de espazos de ocio e lecer e zonas de acampada, creación dunha horta ecolóxica cunha finalidade educativa e de desenvolvemento persoal.

A óptima organización do obradoiro de emprego Alfacuca dende o seu nacemento asegurou o feito de que nas súas primeira e segunda edicións acadara tan bos resultados e que fora valorado como un dos mellores obradoiros de emprego de toda Galicia.

Pola súa banda Arévalo insiste en agradecerlles ós participantes no obradoiro o feito de “querer participar nesta nova andaina”, e pediulles que aproveiten esta oportunidade e que poñan os máximos esforzo e adicación neste período de formación que “lles pode ser de gran axuda á hora de atopar un posto de traballo unha vez rematado o obradoiro e, de ser así, sería un motivo de gran ledicia e satisfacción tanto para eles mesmos coma para este Concello ó terlles podido axudar a acadar tal obxectivo”.

Para os 32 alumnos traballadores de Alfacuca III supón unha gran oportunidade participar neste obradoiro de emprego baseado nun programa mixto de formación e traballo, gracias ó cal, estas persoas verán notablemente melloradas a súa empregabilidade e ocupabilidade de cara ó final do obradoiro.

As especialidades elixidas para este obradoiro seleccionáronse dacordo ás necesidades do proxecto de revalorización de diferentes espazos do municipio. A formación teórica e práctica que aporta aos alumnos a especilidade formativa de agricultura ecolóxica, permitirá aos mesmos acadar as competencias precisas para poder nun futuro desenvolver unha actividade económica neste ámbito, que forma parte dos novos viveiros de emprego, e está en auxe tanto dende o punto de vista da demanda, como da oferta. A través deste proxecto, preténdese dotar ao espazo de Alfacuca cunha plantación de agricultura ecolóxica, cunha finalidade educativa e social, a modo de centro de interpretación, dotándoo de contido dirixido aos colexios do municipio e a colectivos de persoas con discapacidade e de maiores.

A revalorización do espazo de Alfacuca e dos outros espazos naturais do municipio nos que se pretende actuar coa especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, ten como obxectivo conseguir converter a Alfacuca nunha zona de esparcemento e lecer, ao que se suma a súa ubicación nun entorno natural, que proporciona a posibilidade de organización de eventos medioambientais e acampadas, e sobre todo da recuperación de especies autóctonas, como os carballos, entre outros.

Á especilidade de instalación e montaxe de construcción de madeira súmanse módulos formativos doutras especilidades, que complementan a formación e práctica profesional dos alumnos-traballadores, como manexo de carretillas elevadoras, de modo que estes poidan, ao finalizar o obradoiro ou durante o mesmo, obter o carné de carretilleiro, ocupación actualmente demandada no mercado laboral.

A outra especilialidade, a de promoción turística local e deseño de productos gráficos, pretende que os seus alumnos-traballadores teñan unha visión ampla das necesidades dunha localidade e poidan cubrir esas necesidades de forma casi completa, co obxectivo de mellorar a imaxe do municipio, e posibilitar unha promoción dos recursos locais existentes.

10 de maio de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.