Un grupo de 35 voluntarios limparon a ría de San Ciprián, en Cervo, extraendo varias toneladas de residuos

Traballos de limpeza na ría
Un grupo de 35 persoas, entre voluntarios da Fundación Alcoa, membros do Club Limosa Surf, persoal do Concello así como o edil de Deportes, Luis Guillén participaron esta tarde na limpeza dun treito da ría de San Ciprián entre a ponte medieval e a desembocadura do río Covo retirando varias toneladas de residuos entre os que se atopaban un motor dunha embarcación, o tambor dunha lavadora, rodas, madeiros, botellas, metros de cordas e pezas de roupa entre outros.
Para iso foi necesario utilizar maquinaria e ferramentas como o camión grúa, prestado polo Concello, así como motoserras, carretillas, fouces e material como guantes e sacos. Uns escombros aos que se lles deu un tratamento axeitado despois da súa separación.
Tratouse dun proxecto da Fundación Alcoa impulsado polo Club Limosa Surf e que contou coa colaboración do Concello de Cervo que, ademais de facilitar a maquinaria e o material mencionado, tamén se ocupou de solicitar a autorización pertinente ao Servizo Provincial de Costas para desenvolver esta acción.
A edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso destacou o carácter medioambiental e de coidado do contorno natural desta iniciativa, pero tamén valorou a súa carga de “concienciación” xa que “hacemos visible la cantidad de residuos que se encontraban en el cauce de la ría y en sus márgenes como forma de denunciar y evitar que los espacios naturales se conviertan en vertederos”.