Últimos días para solicitar a preinscrición nos campamentos da Deputación
San Sadurniño volve participar este ano na convocatoria de campamentos deportivos da Deputación da Coruña. Ao noso concello correspóndenlle tres prazas, que serán ocupadas por rapaces de entre 9 e 14 anos. As solicitudes poden presentarse no Concello ata o 16 de maio.
O campamento deportivo está programado do 30 de xuño ao 6 de xullo. Os rapaces e rapazas terán a oportunidade de realizar diferentes actividades deportivas como o golf, o tenis, o voleipraia, a vela de cruceiro e outros xogos. Ademais realizarán diferentes visitas culturais guiadas a centros de interese cultural na comarca. A rapazada participará tamén pasará unha noite en tendas de campaña e o inglés formará parte do programa como novidade.
A preinscrición farase na oficina da Casa da Cultura de San Sadurniño. Se o número de peticións superase o número de prazas adxudicaranse cun sorteo público. A incorporación ao campamento no colexio Calvo Sotelo -Rúa Archer Milton Huntington, 24. A Coruña- será o domingo 30 de xuño pola tarde por conta dos participantes e a saída o sábado seguinte despois do almorzo e da clausura.
Para optar ao campamento, os nenos e nenas teñen que estar empadroados en San Sadurniño e ter nacido entre 1999 e 2003, ambos incluídos. O prazo de preinscrición remata o xoves 16 de maio. O sorteo farase o luns 20 de maio ás 12.00h. na casa da Cultura. O prezo é de 85 euros, que haberá que pagar unha vez que se confirme a praza.