Últimos días para inscribirse no seminario de estratexias de busca de emprego para xóvenes
A Concellería de Xuventude e Voluntariado informa aos mozos desempregados de entre 16 e 35 anos de idade que aínda quedan prazas dispoñibles para asistir ao seminario sobre estratexias de busca de emprego que se impartirá o vindeiro martes, 14 de maio. A actividade é gratuíta e prazo para inscribirse remata o mércores, 8 de maio.
A Concellería que dirixe Francisco González pretende con esta iniciativa facilitar aos mozos e mozas as ferramentas e coñecementos precisos para obter mellores resultados nas buscas activas de emprego que emprendan e que saiban utilizar do xeito máis efectivo os diversos recursos dos que se dispón na actualidade, con especial atención as redes sociais e portais de emprego. Trátase dunha nova acción formativa organizada pola Concellería para tratar de loitar contra os elevados índices de paro que tamén afectan ao colectivo da mocidade.
Unha licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, máster en Dirección de Recursos Humanos e en Profesorado e cunha ampla experiencia profesional no ámbito dos Recursos Humanos será a encargada de impartir o seminario. A xornada terá unha duración de tres horas e desenvolverase na sala de conferencias do Auditorio o martes, 14 de maio, en horario de 17 a 20 horas.
Os interesados en asistir ao seminario deben ter coñecemento no manexo das redes sociais, posto que entre os contidos a tratar destacan sobre todo os relacionados coas buscas de emprego a través de internet. Entre outros aspectos, falarase sobre a importancia de posicionar a marca persoal do demandante de emprego nos listados de internet. Tamén se lles dará a coñecer aos alumnos as distintas redes sociais profesionais que existen e a especialidade de cada unha delas. Os alumnos aprenderán a mellorar ou seus perfís profesionais en Lindekin e a sacarlle o máximo partido aos portais de emprego. Traballarán o Networking, e porán en práctica sistemas para pasar filtros nos procesos de selección, como actuar nas dinámicas de grupo ou o mellor xeito de afrontar unha entrevista de traballo, entrevistas telefónicas e mesmo a opción da vídeo entrevista.