publicidade hoxe

Tres parellas de avós e netos competirán na terceira recreación do “Un, dous, tres” en Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Cervo porá en marcha este venres (20:00 horas, Casa da Cultura) a terceira recreación do programa Un, dous, tres responda outra vez. Nesta ocasión o evento inclúese no programa “Maio dos avós” organizado como complemento ao Día do Xubilado e que contempla numerosas actividades, a maior parte delas dirixidas a que avós e netos compartan o seu tempo de lecer.

Neste caso os concursantes tamén serán parellas conformadas por avós e netos, que competirán nesta adaptación do clásico da televisión e optarán aos numerosos premios previstos que foron doados por establecementos e comercios locais.

Un concurso no que non faltarán todos os elementos que caracterizaban este espazo televisivo, como a presentadora, as azafatas, as Tacañonas, diversas probas, e os habituais espectáculos que traerán as pistas á parella de concursantes que consiga chegar á poxa final e que incluirán dende actuacións musicais, deportivas, de maxia e baile así como algunha sorpresa inesperada dalgún intruso que porá todo o seu empeño en interromper o transcurso do programa aínda que só conseguirá provocar risa.   

Deste xeito, a actividade manterase na mesma liña que nas anteriores edicións, daquela incluídas no Outono Cultural e no programa de Nadal. Nesta ocasión a novidade é a participación de nenos e nenas xunto aos seus avós, de forma que esta actividade ábrese cada vez máis a distintos perfís de concursantes e de público.

“Nas anteriores edicións do Un, dous, tres foron varias as persoas que nos manifestaran o seu desexo de que puidesen participar os pequenos da casa” explica a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada. Por iso “decidimos que o Maio dos avós era unha moi boa ocasión para conxugar esa demanda dos cervenses coa nosa intención de homenaxear e facer protagonistas a xubilados e maiores” remata Armada.

22 de maio de 2013 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.