Tráfico cédelle a Mos un equipo de excarcelación para o seu Servizo de Emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMos
A-
A+
A rexedora agradecendo o equipo de excarcelación a Tráfico

A rexedora agradecendo o equipo de excarcelación a Tráfico

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira Julia Loureiro, responsable do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, e o coordinador de dito servizo, Rodrigo Iglesias, xunto con membros da Policía Local mosense, recepcionaron esta mañá no destacamento da Garda Civil de Tráfico de Porriño un equipo de excarcelación de mans do tenente xefe do destacamento, Miguel Cruz Trillo.

Dende o Servizo Municipal de Emerxencias mosense surxiu a idea de solicitarlle o equipo de excarcelación á Garda Civil ó saber que posuían un sen utilizar. Así, dende o Concello se cursou petición formal á Dirección Xeral de Tráfico que resolveu cederlle en uso á administración local este equipo que será utilizado para rescate de persoas en caso de accidentes de tráfico, ou de incendios para abrir portas etc., por parte do Servizo de Emerxencias e polos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Mos, ademais de en tódolos casos en que se necesite para atender urxencias xestionadas polo 112. A este respecto Julia Loureiro declarou que “ó ter xa o equipo de excarcelación en Mos instalado no vehículo B.U.L. do Servizo Municipal de Emerxencias reduciranse moito os tempos de asistencia en caso de urxencias en viais municipais ou que pasen polo Concello, así coma nas localidades veciñas; co que se gaña un tempo precioso en momentos cruciais nos que se atopan vidas humanas en perigo”.

O equipo cedido a Mos pola Garda Civil trátase dun material valorado entre 18.000 e 24.000 euros da marca Enerpac e que consta de varios elementos tales coma arranque, separador, multiusos ou especie de cizalla, etc. Este equipo de excarcelación permanecerá listo para o seu uso instalado nun dos camións do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, concretamente o B.U.L., Bomba Urbana Lixeira. A instalación do equipo nun destes camións debe facerse así dacordo co protocolo de seguridade que establece que o excarcelador ten que estar instalado nun vehículo que estea equipado con auga e que dispoña de equipamentos dotacionais para rescate de persoas, extintores, material sanitario, camilla de palas e material auxiliar, todo elo necesario para darlle unha mellor cobertura ós servizos de rescate.

A maiores de ser utilizado en accidentes e emerxencias, o equipo de excarcelación cedido en uso a Mos pola Garda Civil servirá para impartir cursos de manexo do mesmo a voluntarios de Protección Civil, Gardas Civís e outro persoal cualificado. Ditas accións formativas serán impartidas nas instalacións do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos, que se atopan situadas na Veigadaña.

16 de maio de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.