Tomiño traslada os actos das Letras Galegas debido ás condicións meteorolóxicas desfavorables
Debido ás condicións meteorolóxicas adversas anunciadas para mañá, 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello de Tomiño decidiu trasladar os actos conmemorativos previstos na Praza do Seixo (concerto Banda de Música de Goián, contacontos, feira do libro, inchables e obradoiros infantís), ao vindeiro domingo 26 de maio.
Por outra banda, tamén con motivo das Letras Galegas, a Asociación de Veciños O Árbol, de Vilachán, realiza a través da súa biblioteca, unha campaña de fomento á lectura titulada “Contádenos contos, por favor”, coa que percorrerá as 15 parroquias de Tomiño. Para conseguilo, os veciños e veciñas da asociación montaron unha exposición con fotografías, grandes cartaces, centenares de marca páxinas e folletos, distribuídos polos comercios, asociacións e colexios.
”Queremos que todas as parroquias do Concello estean tomadas polas imaxes dos nenos e nenas de Tomiño que lles piden aos seus pais e nais, que lles conten contos”, explica Luís Garrido Casasnovas, presidente da asociación.
A finalidade da campaña é concienciar a pais, educadores e o público en xeral da “decisiva importancia que os contos teñen para os nenos”.
A Biblioteca de Vilachán vai a poñer na Praza do Seixo, un stand o vindeiro día 26, onde vanse a expoñer todos os carteis e os marca páxinas realizados para a campaña. Tamén terán impresos para facer novos socios e repartirán folletos explicativos do funcionamento da Biblioteca, así coma doutros servizos.
A Asociación de Veciños O Árbol, quere agradecer a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a do Concello de Tomiño, M&R Dixital, ADETO e Jesús Fotógrafo.
Homenaxe en Figueiró
A Asociación de Veciños Fonte dos Carreiros, de Figueiró, celebrará tamén o vindeiro venres 17 de maio, unha serie de actos conmemorativos das Letras Galegas, entre os que se atopa unha homenaxe ao párroco José Luis Portela Trigo, coa inauguración ás 12 do mediodía, dun pergamiño conmemorativo, realizado en pedra polo escultor Luis Álvarez.
Ademais, haberá exposición de traballos e o VIII Concurso de redacción e debuxo “Fonte dos Carreiros”, con entrega de premios na Praza do Telleiro ás 12.30 horas.
Colaboran colexio de Goián, aula infantil de Figueiró, Comunidade de Montes de Figueiró, Xunta de Galicia, Xerais e Concello de Tomiño.