Tomiño conmemora as Letras Galegas con teatro, feira do libro e un concerto da Banda de Música de Goián
O Concello de Tomiño celebrará na Praza do Seixo o vindeiro domingo 27 de maio, un acto conmemorativo co gallo do Día das Letras Galegas 2013. O acto estaba previsto inicialmente para o día 17 de maio, pero tivo que pospoñerse debido ao mal tempo, trasladándose ao día 26.
A Banda de Música de Goián será a encargada de abrir os actos, cun concerto programado para as 11.30 da mañá. Pola tarde, a partir das cinco, actuará o grupo de teatro “A Tropa de Trapo”, que porá en escena o espectáculo “Antía, Wamba e o regato pequeno”.
O espectáculo, financiado polo Fondo Galego de Cooperación en colaboración co Concello, vai dirixida a público familiar e consiste no relato de contos en galego con música en directo, a cargo de Marta Ortiz e Brais das Hortas (www.tropadetrapo.org), e unha duración aproximada de 50 minutos.
Ademais, a Praza do Seixo, a carón do Concello, acollerá durante todo o día unha Feira do Libro, xogos e inchables e obradoiros infantís.
A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, salienta a participación de diferentes colectivos sociais e veciñais que se implicaron este ano na celebración do Día das Letras.
Por outra banda, a Asociación de Veciños O Árbol, de Vilachán, realizará a través da súa biblioteca, unha campaña de fomento á lectura titulada “Contádenos contos, por favor”, coa que percorrerá as 15 parroquias de Tomiño. Para conseguilo, os veciños e veciñas da asociación montaron unha exposición con fotografías, grandes cartaces, centenares de marca páxinas e folletos, distribuídos polos comercios, asociacións e colexios.
”Queremos que todas as parroquias do Concello estean tomadas polas imaxes dos nenos e nenas de Tomiño que lles piden aos seus pais e nais, que lles conten contos”, explica Luís Garrido Casasnovas, presidente da asociación.
A finalidade da campaña é concienciar a pais, educadores e o público en xeral da “decisiva importancia que os contos teñen para os nenos”.
A Biblioteca de Vilachán vai a poñer na Praza do Seixo, un stand o vindeiro domingo, onde vanse a expoñer todos os carteis e os marca páxinas realizados para a campaña. Tamén terán impresos para facer novos socios e repartirán folletos explicativos do funcionamento da Biblioteca, así coma doutros servizos.
A Asociación de Veciños O Árbol, quere agradecer a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como a do Concello de Tomiño, M&R Dixital, ADETO e Jesús Fotógrafo.











