Teo publica unha segunda convocatoria de bolsas de ensino para gastos do curso escolar actual
O Concello de Teo publica no Boletín Oficial da Provincia de hoxe unha segunda convocatoria de bolsas de ensino e transporte para financiar gastos do curso escolar actual 2012/2013. Este ano por primeira vez na convocatoria inicial de principio de curso a partida orzamentada quedou superada polo número de persoas que terían dereito a recibir unha axuda. Este foi o motivo de que se saque unha nova convocatoria cun importe de 3.500 euros.
As bases completas e as solicitudes poden descargarse xa da web municipal. O prazo para presentar as solicitudes remata o 15 de xuño. As persoas que presentaron solicitude de axuda na convocatoria anterior deben entregar en prazo de novo o impreso pedindo a axuda. Sen embargo poden pedir que se teña en conta a documentación entregada con anterioridade, de cara a facilitar o papeleo e non pedir dúas veces a mesma documentación ó solicitante.
As bolsas de ensino e tranporte tiñan unha dotación inicial de ó redor de 30.000 euros. No espíritu da convocatoria está o apoio ás familias con menos recursos e ó ensino público. Para realizar a baremación das solicitudes tense en conta a renta per cápita das familias, recibindo máis puntos as unidades con menos ingresos. Tamén se ten en conta as situacións de desemprego e se algún dos membros da familia ten unha minusvalía.
Ademais desta convocatoria no BOP tamén se publican as bases que rexerán as convocatorias a asociacións e entidades do Concello de Teo que traballan no ámbito educativo; cultural e xuvenil; da igualdade de xénero e dos servizos sociais e no fomento do asociacionismo e a participación cidadá. Estas axudas outórganse en réxime de concurrencia competitiva e destínanse para este fin máis de 50.000 euros destinados ó movemento asociativo do Concello. A esto hai que engadir os convenios de colaboración que se asinan entre o Concello e as entidades anualmente, cunha cantidade fixa, de cara a que o asociacionismo poidan manter o seu traballo na sociedade.
As asociacións terán un mes natural para entregar a solicitude de axuda no Rexistro Xeral do Concello. O prazo remata o 22 de xuño. As bases completas pódense consultar na web municipal ou no Boletín Oficial da Provincia. Os gastos subvencionables por estas axudas son gastos ocasionados por actividades realizadas durante o ano 2012.











