publicidade hoxe

Teo presenta a oferta lúdica para o verán con 125 prazas nos campamentos e 165 nos programas de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo presenta a oferta lúdica para os máis pequenos para o verán. Trátase da oferta anual de campamentos e de programas de conciliación que cubren unha demanda existente sobre todo nos períodos de vacacións escolares. Os programas pretenden ademais ter unha parte lúdica que permita que os rapaces e rapazas desfruten dun tempo de lecer en contacto co medio natural nos meses de xullo e agosto. Este ano ofértanse 125 prazas para os campamentos e 165 para o programa de conciliación Verán Animado.

Un dos temas que máis interese esperta son sempre os campamentos infantil e xuvenil que se celebran en agosto fóra do Concello. O campamento infantil está dirixido a nenos/as de 7 a 13 anos e celebrarase entre os días 19 e 27 de agosto. A cota de inscrición é de 90 euros. O prazo para presentar a solicitude de reserva de praza no Rexistro Xeral do Concello estará aberto entre o 15 de maio e o 7 de xuño. Hai 95 prazas dispoñibles e no caso de que as solicitudes superen as prazas terase en conta a orde de inscrición. Unha vez confirmada a praza farase o pagamento entre o 25 de xuño e o 6 de xullo. Dende a concellaría de Deportes insisten en que no caso de non ter presentado o xustificante do pagamento no Concello con data límite o 8 de xullo entenderase que se renuncia á praza podendo entrar persoas da listaxe de agarda, no caso de que as houbese.

O campamento xuvenil está dirixido a rapaces e rapazas de entre 13 a 18 anos e celebrarase entre os días 2 ó 11 de agosto. Realizarase tamén en Santa Cruz de Oleiros e conta con 25 prazas. A cota neste caso é de 100 euros. Nos dous casos inclúese o traslado neste custe de inscrición. Os prazos para reservar praza e facer efectivo o pago da cota son os mesmos que para o campamento infantil. A reserva entre o 15 de maio e o 7 de xuño e o pago entre o 25 de xuño e o 6 de xullo unha vez teñan confirmada a praza no campamento. Acompañando a ficha de inscrición nos dous casos hai que presentar unha foto tamaño carné e se o neno/a ten un tratamento específico ou unha doenza que haxa que ter en conta deben traer un xustificante médico. Para solucionar dúbidas o Concello planificou unha reunión informativa para o 17 de xuño no salón de plenos. Ás 20:00 horas para os pais e nais dos participantes no campamento xuvenil e ás 20:30 para os do campamento infantil.

Conciliación

Pola súa banda dende a Concellería de Educación informan que entre o 15 de maio e o 7 de xuño poderase solicitar o Diverteo para o mes de xuño e o Verán animado para cada unha das quincenas de xullo, coma sempre presentando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. No caso do Diverteo en xuño farase nos colexios de Calo, Tilos e A Ramallosa os días 25, 26, 27 e 28 de xuño en horario de 08:00 a 14:30 horas. O servizo está dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos. O custe deste servizo é de 3,08 euros por día polo que na edición de xuño o total serán 12,32 euros. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas, que é de 145, terase en conta a orde de inscrició. A listaxe de admitidos publicarase a partir do 11 de xuño e o pagamento poderase facer entre o 11 e o 18 do mesmo mes. O xustificante de pago debe entregarse no Rexistro Xeral do Concello.  

O Verán animado realízase en xullo nos colexios de Ramallosa e Calo en horario de 07:45 a 14:30 horas. No caso de que se queden ó servizo de comedor rematarán ás 15:15 horas. Este programa divídese en dúas quincenas podendo solicitar só unha delas ou ambas. O Verán animado 1 será entre o 1 e o 15 e o 2 entre o 16 e o 31 de xullo. O número de prazas é de 165 e para o acceso terase en conta a orde de inscrición. As solicitudes, coma nos casos anteriores, presentaranse entre o 15 de maio e o 7 de xuño no Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas e os sábados de 09:00 a 13:00 horas. A listaxe de admitidos no Verán animado publicarase a partir do 15 de xuño e o pagamento farase entre o 11 e o 18, unha vez comprobada a concesión da praza. O 21 de xuño ás 20:00 horas farase unha reunión informativa para os participantes neste programa no CSC da Ramallosa. O custo deste servizo será de 33,88 euros por quincena. O comedor terá un custe de 38,50 euros por quincena e para que haxa este servizo debe haber un mínimo de quince persoas que o soliciten. Dende a Concellería de Educación lembran que se o 19 non se presentou o xustificante de pago entenderase que se está renunciando á praza.

9 de maio de 2013 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.