Teo organiza un taller para que os demandantes de emprego atopen as súas potencialidades
O Concello de Teo organiza a través do Servizo de Orientación Laboral municipal o taller “Aposta por ti” dirixido a demandantes de emprego coa intención de que poidan descubrir as súas potencialidades para posicionarse no mercado laboral. Trátase de que atopen o seu talento e establecer a súa marca persoal para atopar unha saída laboral. Esta acción desenvolverase entre os días 28 e o 31 de maio na Casa Común dos Tilos. O horario da actividade será de 18:00 a 21:00 horas.
Segundo indican dende o Servizo de Orientación do Concello estes talleres están dirixidos a parados pero de xeito prioritario aos que fixeron un itinerario personalizado de inserción (IPI) neste servizo municipal de asesoramento laboral. Sen embargo calquera persoa interesada que non teña traballo pode anotarse nas xornadas. Para facelo pódese achegar á oficina do Servizo de Orientación laboral na Casa do Xulgado, na Ramallosa ou enviar un correo electrónico cos seus datos a orientaciolaboral@concellodeteo.com
Esta acción grupal estará impartida por expertas en couching e marca persoal, concretamente da empresa Pekecha, creatividad digital. Na primeira xornada participarán tamén o Concelleiro de Emprego, Anxo Rey e a orientadora laboral municipal, Lourdes Dourado.
O Servizo de Orientación Laboral do Concello de Teo é un centro colaborador pertencente á rede de centros asociados ó Servizo Público de Emprego de Galicia. Esta oficina xestiona principalmente servizos de colocación e de orientación laboral. O seu funcionamento conta co financiamento do Fondo Social Europeo.











