Teo organiza dúas xornadas de sendeirismo para coñecer zonas da Costa da Morte
O Concello de Teo organiza o programa de sendeirismo Pateo 2013, con dous roteiros para coñecer a Costa da Morte durante o mes de xuño. A primeira saída será o 15 de xuño polo Concello de Cabana de Bergantiños e o 29 do mesmo mes farase unha andaina polos Penedos de Traba e Pasarela, na Terra de Soneira.
Nos dous casos a distancia da ruta é de 16 quilómetros e a dificultade é media na ruta de Cabana de Bergantiños e alta na ruta polos Penedos. Esta actividade está dirixida a persoas a partir dos 12 anos, aínda que os menores deben contar con autorización e os menores de 16 ir acompañados dun adulto.
Os desprazamentos realizaranse en autobús saíndo do Concello sobre as 09:00 horas e volvendo ó redor das 19:00 horas. O prezo do transporte é de 5 euros por persoa que debe ingresar unha vez teña confirmada a praza.
En cada unha das xornadas hai 50 prazas, que se cubrirán por rigurosa orde de inscrición. As persoas interesadas en participar poden descargar xa a ficha da web municipal e deben entregala debidamente cuberta no Departamento de Deportes. Para participar na ruta do 15 de xuño poden anotarse ata o 7 de xuño. Para a xornada do 29 poden facelo ata o 22 de xuño.
A ruta por Cabana permitirá visitar o paseo marítimo polo estuario do río Anllóns, os muíños de Roncadoiro, o centro arqueolóxico do dolmen de Dombate, o castro de Cibdá de Borneiro e o miradoiro natural da Fernadiña. O día 29 visitarase a paisase protexida dos Penedos de Traba e Pasarela situada entre os Concellos de Vimianzo e de Lexa. Estas rutas teñen como característica a cantidade de arte natural da que se poderá desfrutar durante a andaina.
Dende a organización recomendan levar roupa e calzado axeitado para andar e unha mochila con bebida e comida para a xornada. Para máis información poden chamar ó teléfono 981 815 700 ou enviar un correo electrónico a deportes@concellodeteo.com











