publicidade hoxe

Teo e os grupos folclóricos do concello homenaxean a Vidal Bolaño no día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo celebra neste mes de maio o día das letras, cunha progamación especial que lembra a figura de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado o próximo 17 de maio. Na tarde dese mesmo día, a partir das 18:00 horas no Centro Sociocultural da Ramallosa, celebrarase o acto central da programación cultural de Teo neste mes. Será unha velada poética e musical na que se lembrará a obra de Vidal Bolaño a través dos grupos de teatro, música e baile das asociacións teenses e do propio Concello.

O acto contará coa presenza do obradoiro municipal de teatro de adultos; o obradoiro municipal de guitarra; as pandereteiras da A.C. A Pontevella; as pandereteiras da A.C. Rosalía de Castro; o grupo de música e baile A Rexionalista; o grupo de gaitas da A.C. A Mámoa; a coral polifónica da S.R. San Xoán de Calo e a Banda Cultural de Teo.

O obradoiro municipal de teatro fará unha escena da obra de Roberto Vidal Bolaño “Agasallo de sombras” acompañados do grupo de gaitas da A.C. A Mámoa. O resto dos grupos interpretarán pezas musicais que aparecen nas distintas obras de Bolaño. Segundo nos indica a concelleira de Cultura, Carme Hermida, a peza máis relevante será a obertura da Sinfonía 1812 de Chaikosqui que aparece na obra “Mar revolto” e que será interpretada pola Banda Cultural de Teo.

En relación co autor homenaxeado está programada tamén a obra de teatro “Criaturas” que será representada pola compañía Teatro do Aquí o sábado 25 de maio ás 21:00 horas na Ramallosa.

Pero a maiores o público infantil terá as súas citas coa cultura no mes de maio. O mércores 8 Talía Teatro presenta a obra de teatro infantil “Pequena” dirixida a un público familiar. Será no CSC da Ramallosa ás 18:00 horas. O xoves 16 estará na Casa Común dos Tilos, tamén ás 18:00 horas, o contacontos “Os contos favoritos dos ratos Lonxedetodo” de Trinke-trinke. E o venres 24, esta vez na Mediateca do Grilo en Cacheiras ás 18:00 horas preséntase o espectáculo poético musical “Con dez poemas por barba” da compañía Aldaolado indicado para un público familiar.

En canto ás actividades allea ó Concello este sábado 4 de maio ás 22:30 horas celébrase no CSC da Ramallosa o VI aniversario do bar A Senra. Será un espectáculo no que participan Carlos Blanco, Quico Cadaval, Mofa e Befa, o Grupo Chévere, Os da Ría e Sés. As entradas pódense mercar por adiantado na Senra ou na taquilla o mesmo día.

O domingo 26 de maio tamén no CSC da Ramallosa celébrase o tradicional festival solidario da ANPA do Río Tella, do CEIP da Ramallosa. Un festival no que se implica toda a comunidade educativa.

3 de maio de 2013 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.