Tempos para compartir ensinará este sábado a facer marmeladas
Xela Barro converterase na tarde do sábado en mestra dun novo obradoiro do programa Tempos para compartir. A partir das cinco da tarde no local social de Lamas mostrará como preparar riquísimas marmeladas caseiras con distintas froitas.
O Concello lanzou a convocatoria a través do Novas e as 30 prazas ofertadas cubríronse en poucos días. Todas as persoas inscritas son do territorio de San Sadurniño, xa que desde as últimas edicións de Tempos para compartir o Concello adoptou a medida de priorizar as inscricións de veciños e veciñas do municipio e abrilas a xente doutros lugares só se se producen vacantes.
Tempos para compartir desenvólvese todos os primeiros sábados de mes. Cada vez nunha parroquia distinta e sempre co mesmo sistema: unha persoa de San Sadurniño que pon en común os seus coñecementos e habilidades a xeito de intercambio cos demais. A actividade é gratuíta, nin cobran os mestres nin se lle cobra aos asistentes, que contan con todo o material necesario para realizar o obradoiro. Desta vez será Xela Barro, unha veciña do propio San Sadurniño, quen nos introducirá no doce mundo das marmeladas a través dunhas sinxelas técnicas que calquera pode poñer en práctica na casa.
Calquera persoa que queira colaborar no programa e compartir o que saiba pode pasar polas oficinas do Concello ou contactar coa persoa responsable de Tempos para compartir a través do 981 490 027.











