publicidade hoxe

“Tempos para compartir” ensina a facer flores con follas de millo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

A plana do maínzo usábase antano nas casas máis humildes como material de recheo para os colchóns. Hoxe durmimos sobre resortes e látex e a folla das poucas espigas que non acaban no silo pode ter usos decorativos. Así nolo mostrou este sábado en Bardaos a artesá local Fina Casal, quen impartiu un interesante curso sobre como facer flores artificiais coas follas do millo.

No obradoiro participaron arredor dunha vintena de persoas de todo o concello que descubriron novos usos para un subproduto do agro coñecido desde hai séculos. Con arame forrado a xeito de talo, estames artificiais, bólas de lá e follas de millo tinguidas de cores pode crearse calquera tipo de flor. Fai falla algo de maña, paciencia e guiarse polos consellos de quen ten xa experiencia coa técnica. 

É o caso de Fina Casal, unha veciña de Lamas especialista en traballar coas mans para converter os materiais máis simples en auténticas obras de arte. Fina ten participado noutras ocasións como docente en Tempos para compartir e esta vez deu unha clase maxistral ao vivo sobre como elaborar flores vistosas e duradeiras que lle darán un toque rechamante a calquera recuncho da casa. 

O próximo Tempos para compartir desenvolverase o primeiro sábado de xuño na casa da Cultura de San Sadurniño e cun contido gastronómico. Xela Dobarro mostraranos como facer marmelada caseira con distintas froitas. Quen queira participar no obradoiro terá que apuntarse antes no Concello. As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas de San Sadurniño. 

Estes obradoiros son gratuítos, nin os profesores cobran nin os asistentes pagan, xa que se trata dunha iniciativa altruísta coa que o Concello quere fomentar a relación veciñal e a transmisión de coñecementos. Calquera persoa cunha habilidade pode mostrarlla aos demais en Tempos para compartir os primeiros sábados de mes. Só ten que poñerse en contacto co departamento municipal de Igualdade, explicarlle que cousas sabe facer e que materiais necesitaría para a actividade.

6 de maio de 2013 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.