Teatro de Aquí, con “Criaturas”, abre as representacións gratuítas das obras de Vidal Bolaño en Brión
O Concello de Brión iniciou esta semana a súa programación cultural especial co gallo do Día das Letras Galegas e que se estenderá ao longo de todo o ano para conmemorar que está dedicado a Roberto Vidal Bolaño, ilustre dramaturgo que pasou os seus últimos anos de vida no municipio brionés. Un programa que combina as actividades dirixidas aos escolares, como as actuacións de Talía Teatro e Gustavo Pernas Cora desta semana, con representacións gratuítas das obras máis importantes de Vidal Bolaño.
A primeira destas representacións terá lugar este sábado 18 de maio, ás 20:30 horas, no centro social polivalente. Teatro do Aquí, última compañía na que traballou Vidal Bolaño, representará “Criaturas”, unha obra que foi galardoada cos premios Max, María Casares e Eixo Atlántico. A peza estará dirixida por Evaristo Calvo e protagonizada por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán Carlos Mejuto. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
O Concello de Brión programou un total de catro representacións profesionais das obras máis destacadas de Vidal Bolaño: “Criaturas”, “BailadELAS”, “Anxeliños” e “Macki o navallas”, que poderán ser disfrutadas por todos os veciños e veciñas de Brión que o desexen e de xeito totalmente de balde.
Laura Ponte e Roi Vidal
Así mesmo, o luns 20 de maio terá lugar unha das representacións máis especiais de todo o programa: “Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño”, unha dramatización dirixida pola actriz Laura Ponte e Roi Vidal Ponte, primeira muller e fillo do dramaturgo ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. A actividade está dirixida unicamente aos alumnos e alumnas do IES Brión.
Durante a actividade, Laura Ponte representará varias escenas das obras máis coñecidas do dramaturgo, ao tempo que manterá unha charla cos rapaces e rapazas do IES Brión sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño. Unha figura que dá nome á biblioteca do centro e á que os alumnos brioneses xa lle dedicaron o mes pasado unha exposicións de carteis cedida pola segunda muller de Vidal Bolaño, Belén Quintáns, a quen tamén entrevistaron en Radio EmBrión (http://radiodoiesdebrion.wordpress.com/2013/03/08/entrevista-a-belen-quintans/).