publicidade hoxe

Sober destina 20.000 euros á rexeneración e rebacheo dos viais municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, anuncia que o Goberno local destinará 20.000 euros de fondos do Concello para levar a cabo a rexeneración e rebacheo dos viais municipais. En concreto, as obras desenvolveranse durante o mes de maio nos 400 quilómetros de estradas municipais que atravesan as 22 parroquias coas que conta Sober.

Así mesmo, o rexedor local destaca a importancia de que a Deputación de Lugo acometa o rebacheo dos 75 quilómetros de estradas de titularidade provincial das que dispón o Concello de Sober. “Este ano o tempo foi especialmente duro e hai estradas ás que lles fai moita falla”, explica Fernández Guitián.

En relación cos viais municipais, o alcalde subliña que hai estradas asfaltadas que se atopan en bo estado, posto que foron arranxadas recentemente, mentres que outras necesitan da súa mellora. “Queremos que os veciños poidan andar por elas e que os visitantes se leven unha boa imaxe”, expón o rexedor.

Ordenanza limpeza

Fernández Guitián dá conta ademais da entrada en vigor da ordenanza de limpeza -aprobada pola unanimidade da Corporación municipal- despois da súa publicación no BOP e da súa exposición pública. O texto, que pode consultarse na Web do Concello de Sober, recolle indicacións sobre o valado de solares e o ornato de fincas e edificacións cun dobre criterio: o coidado estético e ambiental e a prevención de incendios.

O Goberno local ten previsto ademais sacar a concurso antes do verán a recollida do lixo e facer limpeza nos vertedoiros incontrolados para que desaparezan. “Non só se trata dun problema estético, senón que hai que ter en conta o perigo de contaminación”, indica Guitián.

Festa dos avós

Por último, o rexedor recorda que segue aberto o prazo para anotarse na Festa dos Avós que se celebrará o próximo 11 de maio en Sober e para a que xa hai inscritos 200 maiores. Fernández Guitián avanza que haberá un autobús que percorrerá o municipio para transportar a todos os participantes ata o evento e levalos de novo ás súas vivendas unha vez que este remate. A programación da Festa dos Avós inclúe unha misa, un xantar e o sorteo de máis de 100 produtos agasallos doados polas casas comerciais de Sober e Monforte.

2 de maio de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.