Simulacro de incendio e desaloxo do colexio Sagrado Corazón do Carballiño
A praza de Hermanos Prieto do Carballiño viviu esta mañá un simulacro de incendio no interior do colexio Sagrado Corazón, que serviu para comprobar a actuación das forzas de seguridade da vila nun caso de emerxencia. Ás 10:45 activábase a alarma de incendios no citado colexio, chegando todos os efectivos nun tempo inferior aos 7 minutos.
A policía Local procedeu ao corte das rúas que conducen a esta praza para facilitar a entrada dos vehículos de emerxencias, axudados pola Garda Civil, deseguido chegaron os dous camións de bombeiros de Protección Civil e a ambulancia medicalizada do 061. Minutos antes xa foran desaloxados os alumnos e profesores do centro, que contemplaron dende a Alameda todas as manobras dos corpos de seguridade.
Este simulacro, que estaba previsto xa polo propio centro educativo, serviu aos responsables municipais para observar o espazo necesario para que os vehículos de emerxencias accedan a esta praza, e poidan desenvolver as súas funcións en caso dunha urxencia. O alcalde e o edil de seguridade estiveron a seguir este simulacro, pensando nun posible cambio de situación dalgúns postos das feiras, que permitan un mellor acceso a esta praza durante eses días.