Santiago será a sede do XIII Campionato de España de Patinaxe de Grupos Show en marzo de 2014
O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, anunciou que Santiago foi a cidade escollida para organizar o Campionato de España de Grupos Show, unha disciplina de patinaxe na que participan grupos de ata 12 ou de 12 a 25 competidores. Esta proba, cuxa organización lle corresponde ao Club Deportivo Fontiñas e ao Concello de Santiago, celebrarase no Multiusos Fontes do Sar os días 8 e 9 de marzo de 2014. Adrián Varela destacou que esta competición é “un dos maiores eventos a nivel nacional da patinaxe”. Reunirá en Santiago a máis de 600 deportistas e xerará entre 1.500 e 2.000 pernoctacións. A idea da celebración desta proba en Compostela ten o seu xerme no Campionato Galego de Grupos Show, realizado tamén na cidade o pasado ano. Así o apuntaron tamén o presidente do Club Deportivo Fontiñas, Javier Laíño, e o presidente da Federación Galega de Patinaxe, Enrique García.
Segundo apuntou o directivo do club compostelán, está prevista a participación duns 40 grupos de máis de 30 clubs de diferentes comunidades españolas, entre grandes (de 12 a 25 patinadores) e pequenos (ata 12 patinadores). Estímase que unhas 5.000 persoas poidan presenciar en Sar esta competición nas súas dúas xornadas.
Galicia é, tras Cataluña, a segunda potencia en España nesta modalidade do patinaxe artística, indicou o presidente da FGP. No que se refire ao concerto mundial, afirmou que España é na actualidade a primeira potencia mundial nos grupos show, unha disciplina que destaca pola súa espectacularidade, coreografía e plasticidade.