San Sadurniño homenaxea as Letras Galegas con música e teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSan Sadurniño
A-
A+

A música e a palabra reuniranse o 17 de maio ás 11 da mañá na praza do Concello para celebrar o Día das Letras Galegas a través dunha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Xentes do mundo das artes escénicas, da literatura e da interpretación volverán poñer de manifesto que a lingua ten vida e ten futuro. No caso de que faga mal tempo as actividades trasladaranse á casa da Cultura.

O Concello pretende que a mañá das Letras sexa lúdica e reivindicativa a partes iguais. Para ese día está chamado un completo plantel de artistas que farán pequenas actuacións ao aire libre durante arredor de dúas horas e media. Se chove os actos trasladaranse á casa da Cultura.

En total haberá 10 microeventos: Mª Teresa Pouso lerá poesía, Bucanero e Os Ghazafelhos traerán teatro; a música porana as escolas municipais de gaita e pandeireta, Óscar Fernández e a súa zanfona, o Quinteto Diáfora de música de cámara, a pequena zanfonista María López, o cantautor local Marcelo Fraguela, os frautistas Álex e Erika e, para rematar, Lucía ao violín e Víctor ao chelo.

A última hora -cara ás 13.30h.- tamén se entregarán os premios correspondentes ao segundo concurso ARTEllando na Lingua, convocado pola asociación ARTElladas en colaboración co Concello. O certame ten tres apartados -relato curto, poesía e banda deseñada- e está aberto a todas as idades a través de tres categorías. Quen gane en cada unha delas levará un libro electrónico.

O Concello tiña previsto ofrecer o sábado a partir das 19.30h. a obra de teatro De solteira a casada, a cargo da compañía T de Tinglado. Porén, finalmente a representación tivo que suspenderse por mor dun accidente de escasa gravidade dunha das actrices principais. O departamento municipal de Cultura agarda dispoñer en breve dunha nova data para a obra.

Fálame de San Sadurniño

O día das Letras cadra co día mundial da Internet e co día mundial das telecomunicacións e da sociedade da información. Dous conceptos que axugan á perfección coa difusión da cultura e a conservación do patrimonio inmaterial. Por iso a aula da rede CeMIT organizou un curso de 8 horas de duración que se impartirá de 16 a 18 h. os días 27,28,29 e 30 de maio titulado Fálame de San Sadurniño: fotos faladas.

A idea é ben sinxela. Trátase de recuperar recordos a través de fotografías antigas e despois convertelos nun documento visual e sonoro para compartilo a través do blog da iniciativa. As persoas participantes aprenderán a escanear e retocar as súas imaxes co programa de software libre The Gimp. Despois gravarán as súas impresións de viva voz no ordenador co programa Audacity. Todo o material -fotos xeolocalizadas nun mapa, audios e descricións- volcarase nunha bitácora que estará dispoñible ao remate do curso.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre esta e outras actividades, as persoas interesadas poden dirixirse á aula CeMIT situada na casa da Cultura, entrar na web cemit.xunta.es ou enviarlle un correo electrónico á axente TIC Carmen Suárez ao enderezo cemit.sansadurnino@xunta.es. 

Música coral e tradicional

Por outra banda, a asociación de veciños O Castelo de Naraío tamén organizou para este domingo a súa particular homenaxe ás letras. Farao coas actuacións da coral Eterna juventud de Fene e da agrupación de pandereteiras da Escola municipal de música tradicional. Será a partir das 18.00h. no local social da Veiga con entrada gratuíta.

15 de maio de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.