San Sadurniño celebra este sábado o pleno ordinario correspondente ao mes de maio
A sesión está convocada para as 11,30h e nela debateranse oito puntos máis os que poidan xurdir nos rogos e preguntas. Entre os máis destacados están a información que se lle vai trasladar á corporación sobre o proceso de adxudicación das obras do edificio anexo, a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e catro mocións presentadas polo BNG. Ademais tamén se lle dará conta á corporación da liquidación do orzamento de 2012, no que San Sadurniño obtivo un superávit de 750.000 euros.
Malia a suba do custe da vida, San Sadurniño continúa sendo un dos concellos da comarca cunhas contas máis saneadas. Paga as facturas nun prazo de entre 10 e 15 días -algo que os provedores agradecen nestes tempos de crise-, mantén e mesmo incrementa a prestación de servizos á cidadanía, como é o caso do programa Espazos das familias ou o servizo de axuda no fogar, e todo sen ter que recorrer ao endebedamento. De feito, segundo apunta o informe da intervención municipal, o Concello pechou o orzamento de 2012 cun superávit de 750.000 euros. Son 150.000 máis ca no 2007, ano en que, ademais, existía un crédito de 300.000 euros pendente de pago que no 2012 quedou liquidado.
No apartado de toma de razón de acordos e resolucións exporáselle ao pleno a declaración institucional aprobada pola Xunta de Goberno Local na que se rexeita o traslado da oficina de valoración da dependencia de Ferrol á Coruña e a amortización dos postos de traballo cos que conta. Este punto abordarase xusto antes de informar tamén sobre a adxudicación das obras do antigo colexio das monxas á empresa Xestión Ambiental de Contratas, que se impuxo coa súa oferta tecnicoeconómica a outras 16 construtoras.
Por outra banda, o pleno tamén avaliará a integración de San Sadurniño no Fondo Galego de Cooperación. Unha entidade á que están adscritos máis dun cento de concellos galegos e que desenvolve proxectos de colaboración internacional cos países máis desfavorecidos. San Sadurniño entrará formar parte do grupo cunha achega anual de 500 euros, que -igual que o resto de contribucións dos concellos- se destinarán a financiar as súas actividades dentro e fóra de Galicia.
A primeira das mocións nacionalistas rexeita a modificación da Lei Orgánica do poder xudicial e do rexistro civil na que traballa o goberno central. Segundo o BNG esta modificación suporá a desaparición dos xulgados de paz que hai nos Concellos e o traspaso do rexistro civil ás oficinas do rexistro da propiedade, de maneira que ambos servizos se afastarían da cidadanía e deixarían de ser gratuítos.
A segunda moción do Bloque tamén reclamará o apoio plenario para un texto crítico co anteproxecto da Lei de racionalidade e sostenibilidade da Administración local que prepara o goberno. Os nacionalistas quéixanse de que o seu articulado busca recentralizar o poder do Estado ao tempo que limita a autonomía dos municipios.
O BNG tamén carga contra o PP na terceira moción que se tratará no pleno. Nela declárase persoas non gratas aos parlamentarios populares que votaron a favor das quitacións abusivas para os afectados polas preferentes e as subordinadas.
A última moción nacionalista versa sobre o copagamento dos comedores escolares. O BNG oponse á medida que, se non hai cambios, empezará a aplicarse no curso 2013-14.











