San Sadurniño abre á cidadanía a elaboración do seu segundo plan de igualdade
O Concello de San Sadurniño organiza para este sábado 1 de xuño ás 19.00h un encontro no que se recollerán propostas da veciñanza para incluir no futuro Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello San Sadurniño. O encontro enmárcase no proceso participativo de elaboración do PIOMH e a el están convidadas tanto entidades do municipio como persoas interesadas en achegar propostas e reflexións sobre as actuacións do plan.
San Sadurniño atópase inmerso na elaboración do 2º Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. Un documento coas medidas que se deberán levar a cabo nos próximos anos para fomentar e promover a igualdade no concello.
Desde a Concellaría de Educación e Igualdade, preténdese que o PIOMH sexa produto da realidade demográfica e socioeconómica do municipio, e para tal fin estase a levar a cabo un proceso participativo no que teñen cabida todas as entidades do tecido asociativo local, persoal técnico municipal, representantes dos grupos políticos, do Centro Educativo e de Saúde, así como a Garda Civil, o Centro de Día e o Plan de Inclusión.
Por outra banda, o Concello recollerá calquera suxestión e recomendación de xente que non poida participar na xornada de portas abertas, a través do teléfono 981490027 ou ben no enderezo electrónico veronica.rodriguez@sansadurnino.dicoruna.es
Unha vez finalizado o proceso participativo redactarase un documento que incluirá todas as áreas de traballo: educación e sensibilización, emprego e formación, participación social, conciliación da vida laboral e familiar, benestar e cohesión social ou violencia de xénero.
A xornada aberta á cidadanía comezará o sábado ás 19.00h no salón de actos da casa da Cultura. O proceso de elaboración do PIOMH ten como principal obxectivo a formulación de propostas e o desenvolvemento de actuacións reais de cara a alcanzar en San Sadurniño a igualdade real entre mulleres e homes. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.