publicidade hoxe

Ruaille Buaille, Boc, Folk on Crest e os galegos Guezos, finalistas do concurso de grupos emerxentes que abrirá o Festival Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalLocal PortadaOrtigueira
A-
A+

O Festival Ortigueira acaba de facer públicos os nomes dos finalistas do seu concurso de bandas ”noveis”. O Proxecto Runas, prato forte da primeira noite de concertos do certame folkie, contará cos directos de Ruaille Buaille, Boc, Folk on Crest e Guezos, que compitirán ante o público por facerse un oco no cartel da edición do ano que vén. 

A final do Runas 2013 permitirá aos festivaleiros que asisten na Alameda aos concertos gratuitos do xoves 11 de xullo, descubrir as mil e unha posibilidades da fusión, porque se algo comparten os grupos clasificados é o seu gusto pola mestizaxe musical. Fusión entre instrumentos tradicionais e modernos, fusión do celta co rock, con elementos funkys, co reague ou con outras músicas de raíz..

Ruaille Buaille (Euskadi, 2005) e Boc (Illas Baleares, 2009) fixéronse co maior número de apoios do xurado. En terceira posición, e empatados a puntos, os grupos Folk on Crest (Castela e León, 2006) e Guezos (Galicia, 1999) que busca unha nova oportunidade no Runas, tras chegar á final alá polo ano 2003. Todos eles contan cunha notable rodaxe ás súas costas e con traballos discográficos no mercado.

A elección, segundo estaba previsto, foi responsabilidade compartida entre os internautas e un xurado especializado, integrado por Rodrigo López, da Escola de Gaitas de Ortigueira; o profesor de música tradicional e gaiteiro, Juan Barcón; o axente musical, Marcos Vales, e o director do documental “defol XXI”, David Ramos. A comunidade de visitantes da web oficial, que rexistrou preto de 22.000 votos, foi o quinto membro deste singular tribunal.

As catro bandas emerxentes abrirán o 29 Festival internacional do Mundo Celta, que se celebra do 11 ao 14 de xullo, asegurándose o grupo que ofreza o mellor directo un oco na edición do próximo ano e 2.500 euros.

Os de Ruaille Buaille, Boc, Folk on Crest e Guezos son os primeiros nomes, xunto ao dos xaponeses Harmonica Creams, gañadores da pasada edición do Runas, confirmados do cartel do 2013. A organización do Festival Ortigueira, declarado festa de interese turístico internacional, avanzará próximamente as súas principais apostas.

2 de maio de 2013 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.