Rey Varela destaca a importancia do fomento da corresponsabilidade para avanzar na igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe a nova edición do obradoiro sobre “Corresponsabilidade Doméstica”, organizado pola Concellería de Igualdade e que se está a desenvolver nas dependencias municipais da Casa da Muller. O rexedor ferrolán, que estivo acompañado da concelleira delegada da área Verónica Casal Míguez, interesouse pola valoración que fai desta actividade o alumnado. Este tipo de iniciativas no ámbito da corresponsabilidade responde á liña de traballo a favor da igualdade real entre homes e mulleres posta en marcha por primera vez neste mandato polo actual Goberno Municipal, de tal xeito que se trata de obradoiros abertos á participación tanto de mulleres como de homes.

Neste sentido, Rey Varela salientou que “a corresponsabilidade e o intercambio de roles é un dos eixes de actuación nos que dende o inicio do presente mandato estamos a traballar coa finalidade de avanzar de maneira efectiva cara a igualdade”. E, ao fío disto, o primeiro edil da cidade apuntou que “esta aposta pola igualdade real está recollida no Plan de Oportunidades que vimos de aprobar, polo que está garantida a continuidade deste tipo de actividades e iniciativas”. Ao respecto Rey Varela referiuse á programación e posta en marcha de proxectos e iniciativas destinadas a fomentar a igualdade entre homes e mulleres por parte da Concellería de Igualdade no que levamos de mandato. Así, as máis salientables son: os obradoiros de cociña “Os tempos cambiaron agora cociñamos todos xuntos”, as actividades para “Pais e Nais Primerizos/as”, os obradoiros de “Supervivencia Doméstica” ou os de “Corresponsabilidade Doméstica”. Uns programas nos que o departamento de Igualdade inviste máis de 8.500 euros ao ano e que contan en conxunto con máis de 60 participantes (50% mulleres e 50% homes). Ademais, todos eles son gratuítos e están dirixidos a persoas empadroadas en Ferrol.

O obradoiro sobre “Corresponsabilidade Doméstica” que esta tarde visitou o alcalde comezou a mediados do pasado mes de marzo, conta con 15 participantes –cubríronse todas as prazas dispoñibles-, e desenvolvese en catorce sesións dunha duración total de 35 horas. O obxectivo desta actividade é que tanto homes como mulleres poidan adquirir os coñecementos necesarios relacionados con tarefas domésticas e cotiás, e que lles permita manter a súa autonomía persoal en situación de falta de apoio no domicilio ou en procesos de emancipación. Nesta liña, a responsable de Igualdade explicou que se trata de “eliminar os estereotipos sexistas para que tanto homes coma mulleres asuman as tarefas, decisións e responsabilidades no fogar de maneira igualitaria, impulsando un cambio de actitudes a favor dunha cooperación máis equilibrada no ámbito doméstico e familiar para permitir alcanzar un desenvolvemento integral de mulleres e homes”.

Éxito de participación

Para rematar, o alcalde de Ferrol aproveitou a visita a esta iniciativa para destacar o éxito de participación que está a ter a programación impulsada pola Concellería de Igualdade. Así, explicou que durante o exercicio 2012 un total de 2.181 persoas –de todas as idades e ambos xéneros- beneficiáronse da programación ofertada pola Concellería de Igualdade: obradoiros, charlas, programas de conciliación, etc.-. Soamente, a cifra de mulleres  que participaron nos talleres que se impartiron na Casa da Muller, en diferentes instalacións municipais e en asociacións de mulleres foi o exercicio pasado de 1.528, fronte as 160 usuarias rexistradas no ano 2011.

Rey Varela atribuíu este aumento no número de persoas que amosan o seu interese nos programas da Concellería de Igualdade a dous feitos: O primeiro, que son os propios usuarios/as e destinatarios/as das actividades os que confeccionan a programación que se oferta mediante a súa opinión directa en enquisas; e o segundo, ao proceso de descentralización dos obradoiros levados a cabo no actual cuadrienio para que estes cheguen a todos os barrios e parroquias do municipio. “Con esta descentralización das actividades o que pretendemos dende o Goberno Municipal é fomentar e consolidar o asociacionismo feminino”, explicou o alcalde.

6 de maio de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.