Retiran o título de Fillo Predilecto a José Luis Méndez polos prexuízos que a súa xestión causou a miles de familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+
Sesión plenaria

Sesión plenaria

A Corporación municipal acordou esta mañá a retirada do título de Fillo Predilecto da cidade a José Luis Méndez, exdirector xeral de Caixa Galicia. O Concello da Coruña basea a súa decisión nos “prexuízos graves” que a entidade financeira causou, durante os seus anos de xestión, a “miles de familias” polas preferentes. No pleno de hoxe tamén se aprobaron a nova ordenanza de terrazas e os estudos de detalle que permiten a ampliación do colexio Emilia Pardo Bazán e a construción dunha escola infantil no Agra del Orzán.

HONRAS E DISTINCIÓNS

A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, detallou que a “deterioración considerable” que sufriu a cidade e os “prexuízos graves” que se xeraron pola neglixente xestión levada a cabo en Caixa Galicia explican a revogación do título de Fillo Predilecto que se concedeu en 2006 a José Luis Méndez. O pleno aprobou hoxe esta decisión por unanimidade.

“Durante o período de xestión de José Luis Méndez colocáronse participacións preferentes e subordinadas a decenas de miles de aforradores, un instrumento financeiro de alto risco que causou un dano terrible a miles de familias e que supuxo unha auténtica estafa a máis de 60.000 persoas en toda Galicia”, afirmou Rosa Galego, quen recordou a mingua ou a desaparición de gran parte dos proxectos desenvolvidos pola Fundación e a Obra Social, as “indemnizacións multimillonarias” percibidas polos directivos, a “perda de emprego para miles de traballadores” e o endebedamento “moi elevado da entidade por unha sobreexposición inapropiada no sector inmobiliario”.

O Concello non recibiu alegacións a esta “iniciativa pioneira” e que serviu de exemplo a outros municipios do sur de Galicia, segundo detallou o voceiro do Goberno local, Julio Flores, quen engadiu que esta proposta forma parte dunha serie de decisións adoptadas noutros plenos: unha moción en novembro de 2011 para o “rexeitamento frontal” ás indemnizacións millonarias e o apoio á creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego; dúas mocións en 2012 para o “apoio incondicional” dos afectados polas participacións preferentes e nas que se esixía a devolución do 100% dos seus aforros; e outras dúas mocións en 2013 para esixir que se continúen resolvendo, a través da arbitraxe, todas as reclamacións, ao tempo que os afectados poidan recuperar o 100% do seu investimento.

Flores recordou que a revogación do título de Fillo Predilecto nace dunha proposta que se levou ao pleno do 4 de febreiro e da que aínda falta por cumprir unha parte da moción: “Co voto favorable de todos os grupos municipais, agás o PSOE, instouse os concelleiros socialistas Mar Barcón, conselleira de Caixa Galicia entre 2004 e finais de 2011, e Salvador Fernández Moreda, conselleiro entre 2006 e 2012, ademais de vicepresidente da entidade, a dimitir de todos os seus cargos públicos e devolver o diñeiro cobrado como conselleiros de Caixa Galicia por apoiar todas as decisións adoptadas durante todos eses anos, que ocasionaron graves prexuízos a miles de aforradores, a miles de traballadores e a toda á cidade”.

ORDENANZA DE TERRAZAS

A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, informou esta mañá da ordenanza municipal de terrazas, que se aprobou esta mañá de xeito definitivo cos votos do grupo de goberno. A concelleira anunciou que se trata dunha normativa moderna e que compatibiliza os intereses de veciños, comerciantes e peóns.

A responsable municipal informou de que se presentaron 12 escritos de alegacións en tempo e forma, incorporando as que melloran o texto normativo. Freire destacou a transparencia e lealdade institucional coa que actuou o Goberno local. Con respecto á anterior ordenanza, redúcese durante dez meses o horario para garantir o dereito ao descanso dos veciños. “A administración resérvase, ademais, a posibilidade de reducir o horario xeral da terraza atendendo a circunstancias de índole sociolóxico, ambiental ou urbanístico que puidesen concorrer no caso concreto”, engadiu Freire.

“O actual goberno traballou de forma transparente nesta nova regulamentación, co obxectivo irrenunciable de lograr un equilibrio entre os intereses de hostaleiros, veciños e peóns, e facer compatible o ocio co descanso e a utilización do espazo público. Lamento que a oposición non entendese a nova ordenanza nin o seu enfoque”, concluíu a concelleira.

COLEXIO EMILIA PARDO BAZÁN

A Corporación municipal aprobou de xeito definitivo o estudo de detalle para a ampliación do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Emilia Pardo Bazán de Os Rosales. O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, explicou que, co cambio de Goberno local, se abriron as “portas do diálogo” e desbloqueouse un proxecto paralizado durante a etapa de gobernos bipartitos na Xunta e en María Pita.

A construción proxectada, cunha edificabilidade de 1.800 m2, dispoñerá de 9 aulas, sala de usos múltiples, comedor con capacidade para 300 alumnos e unha nova zona de administración. Cun investimento de 2 millóns de euros, o obxectivo é licitar o proxecto antes do verán para que a Xunta comece as obras no último trimestre do ano.

Fernández Prado destacou que non recibiron alegacións e que a ampliación do colexio se definiu de xeito consensuado coa comunidade escolar e os veciños, posto que a educación é un dos obxectivos irrenunciables do Concello. Neste sentido, o concelleiro recordou os 2,6 millóns do presuposto de 2013 para as escolas infantís municipais e os proxectos de mellora dos centros educativos, aos que se suman máis de 2 millóns de euros xa investidos en obras nos 28 colexios de Infantil e Primaria.

COLEXIO RAQUEL CAMACHO

O pleno tamén deu o visto e prace ao cambio de uso da parcela segregada do CEIP Raquel Camacho, no Agra del Orzán, asignando un uso de equipamento público educativo-asistencial, e aprobou definitivamente o estudo de detalle para a ordenación dos volumes, o que permitirá construír unha escola infantil, presupostada en 495.844 euros, cunha edificabilidade de 1.356 m2 e composta por tres corpos graduados: un de planta baixa con fronte á rúa Antonio Pedreira Ríos; soto, planta baixa e primeira planta cara á rúa Alcalde Liaño Flores; e planta baixa e primeira planta interior.

Ao igual que no caso do CEIP Pardo Bazán, non se presentaron alegacións ao estudo de detalle deste novo proxecto. “O Concello logra desbloquear unha nova herdanza do bipartito, incapaz de avanzar na pasada lexislatura na construción da escola infantil do Agra del Orzán, un equipamento educativo financiado con fondos europeos a través do Plan Urbana-C”, afirmou o concelleiro.

Fernández Prado destacou que o Goberno local puido deseñar unha reprogramación do Urbana-C para lograr que o proxecto fora viable e que, ademais, contou co apoio do Grupo de Acción Urbana -formado por entidades veciñais, de comerciantes e outros sectores implicados- e evitou a perda dos 8 millóns de euros correspondentes a fondos europeos.

OUTROS ASUNTOS

O Goberno local levou a pleno a adhesión da Coruña á Rede Civinet España e Portugal, unha proposta que secundaron todos os grupos municipais. A concelleira de Mobilidade e Tráfico, Begoña Freire, explicou que se trata dunha entidade que aglutina a entidades públicas e privadas preocupadas e interesadas pola mobilidade sostible. A Coruña formará parte desta institución, de xeito gratuíto, como socio fundador. A Red Civinet favorece o aproveitamento de sinerxías e o intercambio de ideas, ademais de mellorar a saúde e a calidade do aire e favorecer as políticas que reducen o impacto no cambio climático e o custo do transporte.

Begoña Freire subliñou que este acordo do pleno se inclúe dentro das medidas encamiñadas á modernización da cidade, como é o primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), Smart City, a adhesión á Rede de Cidades Intelixentes e Coruña Futura: “O noso PMUS e a posta en marcha da Oficina Tecnolóxica e Operativa de Mobilidade axudarannos a marcar unha estratexia de mobilidade acorde cos requirimentos normativos, as demandas cidadás e institucionais e a realidade económica e social”.

O pleno da Coruña tamén tomou coñecemento dos recursos promovidos por compañías telefónicas en relación á ordenanza municipal que regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local.

6 de maio de 2013 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.