Representacións infantís en Laxe
Este ano, os grupos pertencentes aos grupos de primaria e secundaria da Escola Municipal de Teatro de Laxe que á vez estivesen cursando os seus estudios no CPI Cabo da Area, por iniciativa do profesor da escola de teatro, Afonso García, prepararon a representación dun par de escenas de animación á lectura.
As obras, denominadas “CAMIÑOS”, supoñen un espectáculo teatral na que os actores e actrices, a través do xogo, achegan aos asistentes á maxia, á ledicia e á fantasía que proporciona a lectura. Así pois, os actores e actrices accionarán a panca da metaficción e intentarán trasladar ao espectador/-a a un heteroxéneo universo literario que bebe da obra de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Joaquim Murale, Castelao, Núñez Singala, Rosalía de Castro, Albert Camus, Osvaldo Dragún, etc.
Estas obras de curta duración, de 10-15 minutos aproximadamente, foron representadas por primeira vez nas instalacións do propio colexio CPI Cabo da Area nos meses de marzo e abril para un público pechado, conformado por profesores/as e alumnado dos diferentes cursos do CPI.
O vindeiro 24 de maio, serán representadas para o público en xeral a partires das 19 horas na Biblioteca Municipal Antón Zapata. De 19 a 20 horas, terán lugar diferentes representacións levadas a cabo polo grupo de primaria da escola e, de 20 a 21 horas, as do grupo de secundaria. Ao ter a biblioteca un espazo reducido para a asistencia de público, cada representación terá un aforo limitado e, en cada hora, faranse tantas representacións coma público asistente acuda a esta cita.
Así mesmo, aproveitamos a ocasión para lembrarvos que para a primeira fin de semana de xuño, está programada a realización da 6ª edición do Festival anual de Teatro de Laxe, “Teatrapa”, no que, ademais das actuacións dos diferentes grupos da Escola de Teatro de Laxe, contaremos con representacións das outras tres escolas coas que se estableceu intercambio este ano: Palas de Rei, Touro e A Estrada. Sempre e cando o tempo o permita, realizarase de igual xeito que nos outros festivais, un roteiro teatralizado por algúns dos puntos de interese cultural e turístico do noso concello que se darán a conocer nos próximos días.