publicidade hoxe

Rematado o punto limpo do PEMOS-Veigadaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
A rexedora visitando as instalacións

A rexedora visitando as instalacións

A alcaldesa de Mos, Nidia Arèvalo, e a edil de Medio Ambiente, Julia Loureiro, visitaron esta mañá o punto limpo do Parque Empresarial Mos-Veigadaña cuias obras de construcción se atopan xa rematadas e serán recepcionadas a principios da vindeira semana. O novo punto limpo conta cunha superficie aproximada de 2.315 metros cadrados.

O punto limpo do Polígono da Veigadaña fora licitado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en maio de 2012 e supuxo unha inversión por parte da administración autonómica de 267.000 euros. Para a construcción deste punto limpo o Executivo autonómico achegou o 100% do total do investimento. A construcción deste punto limpo suporá unha importante mellora medioambiental no que a xestión de residuos se refire, que beneficiará tanto ó municipio de Mos coma á súa área de influencia.

Sobre esta infraestrutura a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, declarou hoxe que “con ela evitarase a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos e facilitarase a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe” e engadiu que “esta instalación beneficia directamente aos preto de 15.000 habitantes de Mos e á súa área de influencia”.

O punto limpo da Veigadaña permite o depósito e a clasificación daqueles residuos urbanos que requiren dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade co fin de que se separen os residuos xerados nos fogares que representan un risco para o medio ambiente ou a saúde, e que non encaixan dentro dos tipos de residuos que se xeran maioritariamente nos fogares e para os que non existen colectores  específicos na rúa. O novo punto limpo de Mos pretende evitar os verquidos incontrolados dos desfeitos de gran tamaño coma os electrodomésticos vellos, e facilitar a recuperación dos residuos reciclables.

Nesta instalación depositaranse aqueles materiais que, polas súas características, non se poden tirar nos colectores da rúa, tales como medicamentos, aceite doméstico e industrial, filtros de aceite, pilas, fluorescentes, baterías, disolventes, tóner e tintas, radiografías, material fotográfico, colchóns e electrodomésticos, metais ou ferralla electrónica, entre outros. Tamén se potencian outras accións como a recuperación e reciclaxe; evitar a vertedura incontrolada de entullos e obxectos voluminosos; e lograr almacenar, en condicións de seguridade e saúde, os residuos perigosos co fin de protexer o medio ambiente.

Estas obras xa rematadas tiveron como obxectivo principal a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Mos e a protección do medio ambiente. Coa construcción deste punto limpo, tanto a Xunta de Galicia coma o Concello de Mos manteñen a súa aposta por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RSU). Con accións como estas, lógrase ademais que se poida levar a cabo a restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros.

2 de maio de 2013 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.