publicidade hoxe

Remata o prazo de inscripción para o campus de porteiros Diego Rivas-Concello de Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresDeportesLocal
A-
A+

A área de Deportes, que dirixe o edil socialista José Juan Vilar, informou esta mañá de que o período de inscripcións para participar no “I Campus para porteiros Diego Rivas-Concello de Ares” xa está pechado ao cubrirse o número de prazas habilitado para dita actividade. Así, serán arredor de 50 os nenos e nenas que finalmente participarán nesta novedosa iniciativa, que se desenvolverá en xuño -nomedadamente o mércores 26, xoves 27 e venres 28- en xornada de mañá, de 10.00 a 13.30 horas, así como na tarde do venres, de 18.00 a 19.30 horas,  no campo de fútbol municipal de Prados Vellos.

O campus estará dirixido polo porteiro Diego Rivas, na actualidade gardamallas profesional do Elche C.F., diplomado en Maxisterio na especialidade de Educación Física, que coordinará un grupo de traballo composto por porteiros de fútbol e adestradores de porteiros cunha contrastada experiencia.

Como destacara a pasada semana no acto de presentación do campus o propio Rivas a través de videoconferencia, este campus ocupa un espazo sen cubrir na comarca. “A figura do porteiro é sempre a máis abandoada; somos os extraterrestres do fútbol, un tanto especiais sobre o resto de xogadores porque vestimos distinto, podemos coller o balón coa man… e por ese feito específico tiña que facerse algún evento só para porteiros”, dixo o gardamallas do Elche, que engadiu que “nos comezos da vida deportiva é importante adquirir valores técnicos e outros como a amistade, o compañerismo, que se tratarán de inculcar neste campus”. Diego Rivas manifestou, así mesmo, que con esta iniciativa “aúno as miñas dúas paixóns: os nenos (el é licenciado en Maxisterio) e a portería de fútbol”.

Este campus deportivo, adicado de forma específica aos porteir@s de fútbol, vai dirixido aos rapaces de 6 a 16 anos, dividíndoos a súa vez dunha forma didáctica e pedagóxica en tres grupos: iniciación (de 6 a 9 anos), formación (de 10 a 13 anos) e consolidación (de 14 a 16 anos).

O prezo de inscripción é de 50 euros (40 no caso dos empadroad@s en Ares ou xogadores das categorías inferiores do Numancia de Ares ADR, así como para 2 ou máis incripcións por unidade familiar), e inclúe unha equipación de porteiro da prestixiosa marca Soloporteros valorada en 102,85 euros; un tentempé diario a media mañá, consistente nun minibocata, auga, e lácteo ou zumo de fruta; o xantar do venres 28 de xuño e xogos acuáticos na praia de Ares; un diploma acreditativo; e o sorteo de diferentes agasallos donados polos patrocinadores. Dende a organización destacouse o grande esforzo realizado para que este campus sexa unha realidade nunhas condicións as máis asequibles posibles nuns duros momentos de crise como os actuais.

Ao longo dos tres días de celebración do Campus, os alumn@s recibirán a visita de xogadores de fútbol da 1ª División así como de adestradores. Unha das actividades máis destacadas, como adiantou Rivas, é a sesión maxistral a cargo de José Sambade, adestrador de porteiros do Deportivo da Coruña e especialista en adestramento de porteiros da Federación Española de Fútbol. Dita sesión, aberta ao público en xeral e dun xeito específico aos adestradores que desexen acudir, será ás seis da tarde do derradeiro día do campus.

Esta I edición do Campus Diego Rivas-Concello de Ares contará coa colaboración de diferentes entidades e empresas que fan posible o nacemento desta iniciativa deportiva, que, como destacaron os responsables políticos da administración local, tratará de aportar o seu gran de area ao proceso de formación dos rapaces e repazas futbolistas aos que lles gusta ser porteiros, abordando dun xeito multilateral a especificidade e especialización que a figura de gardamallas ten no contexto do fútbol actual, sempre dende unha vertente educativa.

31 de maio de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.