publicidade hoxe

Relatorio “Morte súbita no deportista” na Casa da Cultura de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

O vindeiro luns 27 de maio, a partir das 20.30 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Verín o relatorio ‘Morte súbita no deportista’ a cargo do doutor Nabor Díaz Rodríguez, ecografista do Centro Médico Semecor e coordinador nacional do grupo de traballo de ecografía Semergen.

Ao longo deste relatorio, no que tamén se efectuará un recoñecemento médico preventivo a menores das Escolas Deportivas de Fútbol do Concello de Verín, analizarase o concepto de morte súbita, que acontece de xeito inesperado dentro da primeira hora dende o inicio dos síntomas ou se se produce en ausencia de testemuñas cando a persoa falecida foi vista en boas condicións nas últimas 24 horas. A morte súbita cardíaca causa 800.000 mortes anuais, en España existen máis de 6 millóns de deportistas federados e máis de 12 millóns de persoas que practican deporte, e o 11% dos falecidos neste grupo de poboación é debido a causa cardíaca. O deporte máis frecuentemente implicado nestes casos como é o fútbol con 44,8% dos casos, o baloncesto con 10,2%, natación 8% e ciclismo 6%. As idades nas que acontece a maior incidencia de morte súbita oscila entre os 15 e 65 anos, aínda que pode incidir a partir dos 8 anos, tras inicio da práctica deportiva.

A morte súbita dunha persoa nova e aparentemente sa é un feito que produce un grande impacto social e familiar, sobre todo se ten lugar durante a práctica deportiva; por este motivo durante este relatorio explicaranse cales han de ser as exploracións médicas ás que ha de someterse unha persoa antes de realizar un deporte, xa sexa profesional ou afeccionada.

23 de maio de 2013 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.