publicidade hoxe

Recollidos máis de 100 quilogramos de roupa e útiles para crianzas na campaña solidaria das escolas infantís municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo informa que despois de tan só dous días dende a posta en marcha por parte das escolas infantís municipais dunha campaña de recollida de alimentos e útiles destinados ás crianzas das familias máis desfavorecidas debido á actual situación de crise económica, xa se teñen recollido arredor de 100 quilogramos de útiles e roupa. A maioría dos elementos de primeira necesidade recollidos son cueiros, útiles de baño e hixiene, etc. Nos próximos días tamén se fará un reconto da comida depositada. Hai que lembrar que as familias que o desexen poden achegarse a calquera das dúas escolas infantís municipais (As Landras, na estrada de Razo; e A Braña, na rúa Xoana de Vega) e depositar nun espazo denominado “Recanto Solidario” alimentos, roupa ou obxectos cotiáns e necesarios para o benestar das crianzas. Tamén haberá un peto para que, todas aquelas persoas que prefiran entregar diñeiro, o poidan depositar alí mesmo. Con estas achegas económicas farase unha compra que se depositará no mesmo Recanto para ser distribuído igualmente entre aqueles que máis o precisen.

10 de maio de 2013 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.