Protección Civil de Ferrol participará en exercicios de busca e rescate de vítimas en Madrid
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ferrol participará o vindeiro 19 de maio nun Simulacro de Derrube e Explosión con múltiple vítimas en Madrid. Os ferroláns foron convidados por varias asociacións de Protección Civil da comunidade de Madrid a desprazarse ata a localidade madrileña de Daganzo de Arriba para realizar estes exercicios de busca e rescate de vítimas.
O simulacro servirá para aumentar a formación dos voluntarios da agrupación neste tipo de desastres e compartir experiencias profesionais con outros organismos de distintas Comunidades Autónomas en canto a organización, despregue e utilización de medios. Este exercicio dará comezo ás 12:00 horas para o público e está organizado polo Servizo de Emerxencias Mancomunado (SEM). No mesmo, participarán dotacións aéreas -helicópteros- e terrestre de outras forzas como Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional, Bombeiros e as Agrupacións de Protección Civil de Daganzo, Alcobendas, San Sebastían de los Reyes, Paracuellos del Jarama e Fresno.











