publicidade hoxe

Protección Civil de Cervo ofreceu unha xornada de autoprotección na que participaron 40 escolares do CEIP Fondo Neis de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocalLocal Portada
A-
A+
Visita dos escolares á xornada de protección civil

Visita dos escolares á xornada de autoprotección

Uns 40 alumnos de infantil do CEIP Fondo Neis de Foz asistiron esta mañá a unha xornada de autoprotección escolar ofrecida polo servizo municipal de Protección Civil de Cervo. Unha actividade na que este grupo de emerxencias sacou da base o seu material de traballo e os seus vehículos para expoñelos na praza da Casa do Concello. Deste xeito, os pequenos puideron ver, tocar e coñecer diversos equipos como os de excarceración ou protección química así como interactuar co camión de bombeiros, xogando cos equipos de comunicación ou a sirena.

Ao mesmo tempo, os efectivos ofreceron unha charla ao alumnado na que lles transmitiron unhas pautas de conduta e medidas preventivas de seguridade co obxectivo de “inculcarlles xa dende a infancia a cultura da autoprotección como forma de prever e evitar riscos” tal e como explica o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto que xunto co alcalde, Alfonso Villares, estivo presente durante a xornada. Unha charla na que tamén se proxectou material audiovisual didáctico adaptado á súa idade.

Ademais, os escolares tamén puideron comprobar a utilidade e eficacia do vestiario ignífugo que utilizan os efectivos para saír a un incendio. Para iso, unha das mestras que acompañaba aos alumnos vestiuse con todos os elementos necesarios para asistir nun incendio ao tempo que un dos efectivos acendía unha pequena mecha na manga, de forma que os nenos e nenas comprobaron a través desta proba como o vestiario especial resiste ao lume.

Esta actividade concreta inclúese nun programa máis amplo de autoprotección escolar que o Concello de Cervo pon en marcha dende hai case 15 anos sempre coa colaboración do servizo municipal de Protección Civil dirixido aos centros escolares da Mariña. Un programa no que se ofrece ao alumnado de infantil e primaria información a través de diferentes medios sobre os comportamentos máis recomendables e seguros en distintos lugares e situacións, dende o fogar, a vía pública, os eventos multitudinarios ou o centro escolar. “Estamos convencidos de que se trata dunha iniciativa moi beneficiosa para os pequenos e para a súa seguridade e por iso mantemos activo dende hai máis dunha década este programa de contacto constante cos centros educativos” remata Soto.

 

24 de maio de 2013 | 15:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.