Primavera enDanza remata cunha proposta de Thomas Noone Dance e unha cita En Familia en Carballo
A programación de Primavera enDanza remata esta fin de semana con dúas pezas coreográficas destinadas a público adulto e infantil. A primeira das citas é o sábado 11 de maio coa compañía catalá Thomas Noone Dance, que regresa de novo a Carballo, esta vez para presentar a súa última creación “Lugares extrañamente desastrosos”. Un espectáculo de danza contemporánea moi dinámica e explosiva, cunha linguaxe moi expresiva, onde tamén hai sitio para o humor e a ironía. No escenario hai tres parellas e un músico. Cada unha das parellas baila a súa relación, as súas emocións. Comparten certo sentido dun inminente desastre, unha danza dinámica e explosiva e unha intensa linguaxe expresiva. Os elementos escenográficos eluden esta ruta cara ao desastre emprendida polos seis bailaríns. O coreógrafo británico Thomas Noone Dance crea esta compañía en Barcelona, coa intención de que as súas coreografías transmitan emocións a partir dunha forte habilidade técnica. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 5 € (de 3,5 € con desconto para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné) e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.
E a programación de Primavera enDanza finaliza co ciclo En Familia co espectáculo “Baleadas” da compañía galega Traspediante, unha proposta moi interesante destinada a público infantil. “Baleadas” é un espectáculo cheo de maxia e imaxinación. Un xogo con baleas, coas cores e co público no que a danza, a música e as artes plásticas interactúan coa tecnoloxía do 3D. Traspediante experimenta coa novas técnicas, creando sorpresas, educando a través de distintas disciplinas artísticas, sempre dende un punto de vista didáctico pero sen esquecer a diversión. Este espectáculo comezar ás 18.00 horas o domingo 12 de maio no Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 3 € (2 € con desconto) e a duración prevista do espectáculo é de 50 minutos. Ademais, durante a fin de semana realizaranse varias actividades complementarias: a presentación de “Lugares extrañamente desastrosos” da compañía Thomas Noone Dance o sábado 11 ás 13.00 horas no Xardín municipal; e a cita “Como se crea un espectáculo de danza?”, un encontro coa compañía Thomas Noone Dance ao finalizar o espectáculo no mesmo auditorio.