Primavera enDanza 2013 comeza a súa programación con “Amediometrados” en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballoLocal
A-
A+

Primavera enDanza arrinca o venres 3 de maio no Pazo da Cultura e continúa até o 12 do mesmo mes con tres propostas para público adulto e infantil e con varias actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea. O primeiro dos espectáculos corre a cargo de Entremans, compañía que ofrece tres debuxos, tres pezas das emocións humanas coa cor común das distancias.

“Amediometrados” está composto por “En la cuenca de tus ojos”, “39 e medio” e “A medio metro de lo vivido”, tres coreografías curtas creadas en diferentes espazos onde o ámbito é o soporte nas súas múltiples formas e o pulso físico se manifesta vertixinosamente. A compañía galega ten como sinal de identidade a dirección artística colectiva, polo que as súas propostas coreográficas está creadas por un colectivo de artistas que traballan exclusivamente para a creación dunha nova peza. Os intérpretes son Ana Beatriz Pérez, Kirenia Martínez, Jordi Vilaseca e David Edreira. A iluminación corre a cargo de Octavio Mas e a producción é de Artestudio Xestión Cultural. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e o prezo da entrada de 4 €, 3 € con desconto para menores de 12 anos, maiores de 65 e estudantes con carné de estudante. A cita, no auditorio a partir das 21.00 horas, conta coa colaboracion da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Ademais da programación de sala, hai que lembrar que tamén o venres 3, o público pode asistir a dúas actividades complementarias, coas que o Concello quere achegar de novo aos espectadores o mundo da danza, unha manifestación artística cun alto potencial creativo. Así, ás 13.00 horas o Xardín Municipal acolle a presentación de “Amediometrados” por parte de varios integrantes da compañía Entremans. Así mesmo, pola noite, ao finalizar este espectáculo, está prevista a actividade Como se crea un espectáculo de danza?, no mesmo auditorio e a través dunha charla cos protagonistas da proposta. A venda de entradas realízase no despacho de Billetes do Pazo da Cultura, unha hora e media antes do inicio de cada actuación. A reserva de entradas pode facerse no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura-Pazo da Cultura de 10.00 a 14.00 horas.

2 de maio de 2013 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.