Preto de mil persoas participan no Concurso de Tapas do Salmón na primeira fin de semana
Preto de mil persoas comezaron a participar durante a primeira fin de semana no Concurso de Tapas de Salmón, organizado polo Concello da Estrada en colaboración cos locais de hostalaría co gallo dos actos da cadraséxima edición da Festa do Salmón, que celebrará o seu día grande o vindeiro domingo 19.
As primeiras estimacións apuntan a que os 17 locais participantes serviron máis de 2.000 pinchos durante as tres primeiras xornadas do certame. De feito, algún establecemento rozou as 300 tapas na primeira fin de semana, que rexistrou máis actividade na noite do venres
Os establecementos volverán a servir as súas creacións en torno ao salmón dende o xoves pola tarde, de 20.00 a 23.00 horas. O vernes estarán habilitadas a quenda de mediodía, de 12.00 a 15.00 horas, e a de tarde, de 20.00 a 23.00 horas. Finalmente, o sábado ofreceranse os pratos de 12.00 a 15.00 horas, xa que se procederá ao reconto polo tarde para dar os nomes dos tres gañadores, que serán premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.
Os locais participantes son Andalucía, Samaná, O Paseo, Os Peares, La Bombilla, Xantares, Navegación, Valenciaga, Argentinos Burguer, Nicol´s, O Café de Xulia, Boliche, Enredo, Don Juan, Eureka, O Lar e Scala.
Cabe sinalar que a relación das 34 tapas, dous por establecemento, pode consultarse na páxina web da Festa do Salmón, á que se accede a través da dirección www.festadosalmon.com.
Charla técnica
Por outra banda, os actos da 40ª Festa do Salmón reinícianse na xornada de mañá cunha charla técnica que se presenta baixo o título “Pesca fluvial e repoboación”. O debate-coloquio celebrarase ás 21.00 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME). Intervirán o profesor universitario Fernando Cobo, o pescador César Arbo e o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón.











