Preto de cen persoas participan na inauguración da Liga de Pádel de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónDeportesLocal
A-
A+
Clase de pádel a cativos

Clase de pádel a cativos

A piscina cuberta municipal de Brión puxo en marcha onte domingo a Liga de Pádel de Brión, unha iniciativa que disputarán vinte parellas durante os próximos dous meses. A posta de longo desta competición tivo lugar na tarde do domingo, cunhas clases de pádel e minipádel para os máis pequenos.

Acto seguido tivo lugar un encontro de exhibición coa participación de Fernando Aldao, campión galego de pádel, e de Javier Iglesias, profesor da escola de pádel de Brión. Unha vez rematado o encontro, algúns dos asistentes aproveitaron para saudar ao campión e mesmo xogar uns puntos con el.

Liga de pádel

As 20 parellas participantes dividiranse en dous grupos de 10 equipos e xogarán unha primeira fase da Liga de Pádel de Brión, enfrontándose todos contra todos. Unha vez rematada a liguiña, que como moi tarde será o 31 de xullo, os cinco mellores clasificados de cada grupo xogarán polo título, mentres que o resto xogará para derimir o seu posto final na clasificación.

Esta Liga de Pádel forma parte da nova programación de actividades posta en marcha pola piscina cuberta municipal de Brión para achegarse aos 2.000 usuarios na instalación (segundo os últimos datos de xaneiro de 2012, o número de socios é de 1.379). Entre outras actividades figuran un triatlón indoor Piscina Municipal de Brión ou as saídas grupais a correr.

13 de maio de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.